O programa da xornada incluíu, ademais da presentación deste ciclo, unha demostración de maquinaria forestal, un percorrido polo centro e unha degustación de produtos galegos de calidade diferenciada
O principal obxectivo desta xornada foi o de dar a coñecer a oferta formativa deste centro e en particular o seu ciclo medio de Formación Profesional de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural na modalidade dual, co fin de captar alumnado para o vindeiro curso. Así, nesta xornada participaron representantes dalgunhas das empresas que colaboran na actividade e nas que os alumnos realizarán parte da súa formación teórico-práctica. Trátase de empresas forestais, así como de escolas taller e de obradoiros de emprego tanto de Asturias como de Galicia e orientadores laborais de concellos e de oficinas do Instituto Nacional de Empleo (INEM).
Na programación do día de portas abertas tamén tivo lugar unha demostración de maquinaria forestal, na que se amosaron traballos realizados por un robot rozadoira e por unha trituradora de biomasa, así como por motoserras, rozadoiras e demais maquinaria.
Despois fíxose un percorrido polas instalacións do centro, para finalizar cunha degustación de produtos dos consellos reguladores galegos: queixos das catro denominacións de orixe, faba de Lourenzá, grelo de Galicia e produtos da horta de Ribadeo envasados pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria cos excedentes da zona no ano 2021.
Ciclo medio de FP
O ciclo medio de FP na modalidade dual estrutúrase en dous cursos. Durante un total de oito meses a formación teórica e práctica desenvolverase en empresas coas que previamente se establece un convenio de colaboración. Ademais, ao longo deste período os estudantes terán unha remuneración económica, establecéndose unha vinculación entre o alumno e a empresa que poderá ser directa, a través dun contrato en prácticas entre as partes ou ben indirecta, mediante unha bolsa de estudos. Finalmente, os alumnos rematan o ciclo coa obtención dun título de Formación Profesional de grao medio, a acreditación de experiencia laboral en empresa polo período correspondente e unha remuneración como contraprestación polo seu traballo.