Esta iniciativa pretende conectar ao alumnado coa natureza e os seus ciclos, promovendo unha alimentación sana con produtos de calidade
Burela, 27 de maio de 2022. Nos xardíns do Ceip Virxe do Carme comezarán a medrar a partir de hoxe pementos, calabacíns, leitugas e outros produtos. As monitoras da aula Gaia, dependente da delegación de Medio ambiente do Concello de Burela, prepararon unha zona como sementeiro no colexio e esta mañá plantaron un pequeno horto xunto coas nenas e nenos de 5º de primaria.
Unha actividade con multitude de beneficios para os máis pequenos, unha proposta saudable alternativa que creará a futuro uns hábitos que pretenden combater o sedentarismo a través do desfrute e da conexión coa natureza.
Os escolares foron plantando as distintas sementes guiados polas monitoras, unha motivación para formar parte do proceso de cultivo e coñecer os ciclos naturais da terra que lles permitirán observar como xermina o traballo realizado no día de hoxe.
Desde a Aula Gaia sinalaron a repercusión positiva de poñer a horta cos nenos, unha actividade que os vencella á natureza, na que comprenden o valor do autoconsumo e do consumo responsable e na que se van familiarizando cos alimentos e adquirindo hábitos saudables.
Un lecer distinto que contribúe á socialización entre eles e á adquisición de responsabilidades, aprendendo a cultivar e traballar a terra nun ambiente de respecto e coidado do medio.
Esta actividade enmárcase dentro da programación Gaia para o curso lectivo 2021-2022, con multitude de propostas aos centros educativos tendo como fundamento a educación medioambiental.