Para o BNG son precisas medidas políticas orientadas a favorece-los sectores produtivos (mellores prezos para os produtos agropecuarios) en contra dos sectores especulativos, mellora-las condicións sociais e os servizos no rural e corrixi-la tendencia deste sistema económico-social que o que quere son consumidores concentrados en grandes áreas xeográficas e comerciais destruíndo ese entramado social e económico do rural, característico deste noso País porque o consideran demasiado caro, complicado e nada moderno.
“Se o poder político, responsable en gran medida desta situación, non ofrece medidas correctoras, decididas e creadoras de proxectos de vida baseados nas ofertas que o territorio dá e articuladoras de esperanzas colectivas, o futuro do noso rural está fanado. Daquela cómpre tomar partido polo conxunto do País e neste caso do Medio Rural onde se sitúan, polo menos físicamente na actividade primaria, a produción destes bens” manifestou o deputado Xosé Luis Rivas “Mini”.
Propostas para dar viabilidade ao sector e ao rural
Xosé Luis Rivas e Daniel Castro, que recolleron as propostas do sector, foron poñendo enriba da mesa todas as propostas que o BNG levou e está a levar ao Parlamento, que son entre outras:
-Marcar coma prioridade a creación de mesas de diálogo e negociación que reúnan os axentes que interveñen nas cadeas de produción, para estableceren prezos que, salvado-los custes de produción, aseguren ganancias que permitan un desenvolvemento económico-social dos diferentes sectores produtivos do rural.
-Planificar accións coordinadas e debidamente orzamentadas destinadas a activar zonas deprimidas, abandonadas e despoboadas que permitan o reinicio das actividades agrogandeiras que fixen poboación, reactiven a economía e xestionen territorio coa meta posta na necesaria soberanía alimentaria.
-Facilita-lo comercio de proximidade e a venda directa poñendo en marcha unha rede de matadoiros e Centros Comarcais de Transformación que permitan o desenvolvemento de pequenas e medianas explotacións familiares de producións tanto ecolóxicas coma integradas así coma o aproveitamento dos excedentes do autoconsumo.
-Orientar todas estas medidas cara a unha única meta: a consecución de produtos de calidade, o respecto á sostenibilidade e equilibrio medio ambiental, e o peche na medida do posible dos ciclos (consecución de insumos para a produción de carnes, transformación dos produtos primarios… )
-Recuperar unha porcentaxe de SAU que permita camiñar cara a unha soberanía alimentaria que elimine a dependencia de insumos exóxenos.
-Priorizar plans de choque nas amplas zonas das provincias de Ourense e Lugo onde o abandono agrogandeiro e despoboación son máis acusados.
-Orientar e priorizar todas estas medidas ó fortalecemento e expansión do modelo de pequenas e medianas explotacións agropecuarias.