Viveiro, 16 de maio, 2022. En setembro do ano pasado o BNG de Viveiro, por medio da súa portavoz Míriam Bermúdez, levou ao pleno a construcción dun Skate Park, demanda histórica nunha vila con moita cultura tanto no mundo do surf como do skate. A moción saíu aprobada coa mención unánime da corporación sobor os éxitos dxs nosxs surfistas, pero a día de hoxe o Goberno do PSOE segue sen poñer os medios necesarios para que poidan adestrar e desenvolver todo o seu potencial, e tamén sen crear escolas de base para atraer e animar ás crianzas a interesarse por este deporte.
A proposta foi aprobada por unanimidade, pero a María Loureiro púidolle máis o orgullo que o propio beneficio para a veciñanza dicindo literalmente que se ía facer, pero cando o goberno o decidira e non cando o dixera o BNG. Na actualidade non se coñece ningún trámite neste eido, polo que parece que o goberno non se debeu decidir aínda.
Un skate park en Viveiro tamén atraería xente doutras vilas, cos beneficios que iso suporía. Teremos que agardar a pesar de que a demanda crece, mentres as nosas e os nosos skaters se ven obrigados a desprazarse a San Cibrao, Foz, Ribadeo, Lugo ou O Saviñao, vilas nas cales si existen este tipo de instalacións.
Dende o BNG demandamos unha vez máis que o goberno atenda as demandas da veciñanza e cumpra co acordo plenario de crear un Skatepark en Viveiro.