O deputado mariñao Daniel Castro presenta iniciativas coas demandas da comunidade do IES Monte Castelo
Burela, 10 de maio de 2022. O BNG ven de rexistrar no Parlamento galego iniciativas en relación coas demandas que lles achegou a dirección do IES Monte Castelo de Burela. En verbas do voceiro do BNG en Burela Mario Pillado, “nunha xuntanza nas últimas datas o centro fíxonos saber ós membros do grupo municipal a oferta educativa que pretenden para o vindeiro curso, entre as que destacan, a modalidade de Bacharelato Xeral semipresencial para adultos. O certo é que se trata dunha ensinanza ideal para este centro, por razóns xeográficas e socioeconómicas e a demanda está a medrar neste centro”.
Pillado manifestou tamén que “o que solicitan dende o centro e nós apoiamos e demandamos tamén, ademáis da implantación do Bacharelato Xeral é a implantación da FP Dual, a consolidación do centro como referente na formación sanitaria na Mariña, a promoción da Aula Mentor entre os desempregados e a divulgación doutros programas de aprendizaxe como CUALE, a sección da Escola Oficial de Idiomas ou a sede para os exames de ESO e Bacharelato a distancia do IES San Clemente”
As competencias son da Xunta e o PP non pode seguir dando as costas á Mariña
Debido ó caracter das demandas que se expoñen, as competencias na materia son da Xunta e é esta quen debe dar resposta ás mesmas. Segundo o deputado no parlamento de Galiza, o mariñao Daniel Castro: ”rexistramos unha iniciativa no parlamento galego coas demandas que se achegan do centro, posto que as competencias en materia educativa son da Xunta de Galiza, quen debe tomar decisións mediante a Consellería de educación”. Neste sentido Castro afirmou que “o Partido Popular tense que mollar e mostrar o seu compromiso con Burela e coa Mariña dunha vez por todas, non como ven facendo ata o de agora e ó que nos ten acostumados, que é relegar á Mariña ó último lugar das súas prioridades”