O deputado mariñao Daniel Castro leva esta problemática situación ao Parlamento
A Mariña, 30 maio 2022. Desde anos antes da pandemia, a sociedade galega ía concienciándose cada vez máis sobre a necesidade de termos unha boa saúde mental e a importancia de que a nosa Sanidade Pública contase co mellor dos servizos posibles neste eido. Máis tarde, e unha vez vivida a pandemia, viuse dun xeito máis evidente que a nosa saúde mental vivía uns momentos moi difíciles e que facíase máis necesario ca nunca ter un servizo público de saúde que contase cos e coas profesionais sanitarias necesarias para atender a unha poboación que cada vez precisaba dunha maio ratención no que a saúde mental se refire.
Unha soa falcultativa para atender a mais de 65.000 habitantes do Distrito Sanitario da Mariña
Para o deputado mariñao do BNG Daniel Castro, “isto, que a ollos de todos e todas se fai evidente, choca coa realidade que estamos a vivir na comarca da Mariña na que durante o mes de maio vivimos situacións nas que a totalidade da comarca conta cunha soa facultativa dos tres que compoñen a dotación facultativa deste servizo” e engadíu tamén que “a razón que explica esta aberración é que desde hai un ano só conta con dous, ao trasladarse a terceira das profesionais a outra área, sen ser substituída en ningún momento desde a súa marcha”. Esta realidade provoca que arestora unha soa facultativa estea encargada de máis de 65 mil habitantes que ten o Distrito Sanitario da Mariña.
Evidentemente, isto ten unha afectación directa que se pode cifrar en máis de 500 doentes que vén como a atención que tanto precisan se está a ver recortada e as listas de agarda aumentadas, algo que desde o BNG consideramos sempre moi grave, mais neste caso a gravidade é aínda maior ao falarmos dunha verdadeira lacra que está a golpear á sociedade galega e mundial.
Sobrecarga de traballo para as profesionais
Desde o BNG advirten tamén da grande sobrecarga de traballo que está a sufrir a única profesional existente e outras consecuencias como que ose as pacientes que eran visitadas a domicilio agora teñen que desprazarse para acudir a consulta á USM de Burela, ou que a atención a residencias está levándose a cabo a maiores da xornada habitual, coa sobrecarga que isto ocasiona e sen poder manter a periodicidade que existía previamente nas visitas.
Por todo esto o BNG insta a Xunta de Galiza a recuperar coa maior das celeridades o total de prazas do plantel de psiquiatría do Servizo de Saúde Mental da Mariña, fornecendo dos profesionais necesarios para as dúas prazas restantes que seguen sen cubrir.