No Día das Letras Galegas, Pontón avoga por un novo marco para a lingua galega para avanzar na súa normalización en todos os ámbitos da vida
Santiago de Compostela, 17 de maio, 2022. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón insta a Rueda e ao seu novo goberno a cambiar a política lingüística do Partido popular para reforzar a presenza do galego en todos os ámbitos da vida.
Na manifestación convocada pola Plataforma, “Queremos galego”, a líder do BNG reclama a derrogación do Decreto do plurilingüismo do Goberno galego que achicou a presenza do galego no ensino e representa unha década de retroceso para a lingua galega.
Na celebración do Día das Letras galega, Ana Pontón incidiu na urxencia de rematar cunha escola desgaleguizadora para que nenos e nenas poidan ser educados na súa lingua e reivindica un “novo marco” para o galego que reforce o seu uso e protección. En galego, dixo, “hai futuro” pero para que sexa posible é necesaria a derrogación do decreto da “vergoña” e poñer en marcha un novo decreto que aposte para que todos os rapaces e rapazas coñezan a súa lingua. Ademais, engadiu, dende o BNG tamén propoñemos crear unha canle temática infantil en galego e avanzar na normalización do idioma nos medios de comunicación, na xustiza, na sanidade e o no ocio. En galego, recalcou, “hai futuro, non hai límites e será o noso legado para os que veñen detrás”.
Hoxe, dixo, celebramos con orgullo que temos unha lingua propia e con mil primaveras máis para o noso idioma porque sabemos que hai miles de cidadáns conscientes de que un idioma propio e “unha riqueza” e a maior fortaleza para avanzar na súa cultura e na súa lingua.
O goberno do Partido popular rema a contra do galego
Nunha multitudinaria manifestación convocada pola plataforma, Queremos galego en Santiago de Compostela, a portavoz nacionalista lamentou que o goberno galego “reme a contra do galego” e para mostra constatamos como o PP converteu a nosa escola “nunha máquina desgaleguizadora”. Miles de nais e pais denuncian como os seus fillos e fillas entran na escola falando galego e saen falando castelán. Neste sentido, pediu “un novo impulso á lingua galega” e un goberno que demostre que está orgulloso da súa lingua.
O BNG, aseverou Pontón, seguirá traballando para que o galego gane espazos e ningunha persoa sinta discriminación por falar en galego e avanzar nunha política lingüística de “igualdade, liberdade e fraternidade”. Nese camiño, engadiu propoñemos “derrogar o decreto da vergoña, un novo marco normativo cara unha escola aliada co fortalecemento do idioma galego, utilizar a potencia do audiovisual para crear unha canle temática infantil en galego e un Plan de impulso do galego en todos os ámbitos pasando pola administración, os medios de comunicación, a sanidade, a xustiza e o respecto pola nosa toponimia”.
Ana Pontón recalcou que o 17 de Maio reivindicamos “o orgullo” de ter unha lingua propia que nos une e urximos ao goberno a non seguir “remando á contra”