Lugo, 31 de maio de 2022. O Pleno da Deputación de Lugo aprobou por unanimidade unha proposta do BNG que reclama ao goberno do Estado que preserve a pesca do impacto da enerxia eólica. A iniciativa obtivo o respaldo dos tres grupos políticos, comprometendo así á institución provincial na defensa do sector pesqueiro fronte á instalación de parques eólicos en caladoiros e zonas de actividade pesqueira.
Na defensa da iniciativa, presentada como proposta de goberno, o voceiro nacionalista, Efrén Castro, puxo a énfase na defensa dun sector que provee de alimentos de calidade e xenera unha actividade económica fundamental para a comarca da Mariña. “Temos que protexer o sector que xa existe”, incidiu o deputado nacionalista que advertiu da trampa de argumentos como a creación de postos de traballo na eólica co que o grupo provincial Partido Popular amagou antes de votar a favor da proposta.
“O que pedimos son estudos científicos que avalien o impacto das instalacións eólicas sobre a actividade pesqueira e sobre o medio mariño, xa que unha afectación á estes ecosistemas tería consecuencias para toda a frota e para todo o tecido económico e social arredor da pesca”, resumiu en relación co contido da moción, que recolle as demandas do coñecido como “Manifesto de Burela”, asinado por asociacións e federacións de confrarías, así como armadores e outras organizacións vinculadas ao mar, e que o BNG trasladou tamén ao Parlamento de Galiza e ao Congreso dos Deputados.
A moción aprobada inclúe como puntos de acordo instar ao goberno do Estado “protexer o sector pesqueiro da ameaza que supoñería a localización de instalacións eólicas mariñas en caladoiros e espazos dedicados á actividade pesqueira”, “evitar o severo prexuízo ao sector pesqueiro e á preservación dos ecosistemas mariños que suporía a implantación desordenada deste tipo de instalacións eólicas e, en consecuencia, garantir a súa coexistencia coas actividades pesqueiras sempre que sexa posible a dita coexistencia sen afectar o ecosistema mariño e as actividades pesqueiras” e “avaliar a través do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e do Instituto Español de Oceanografía ( IEO) o posible impacto de instalación de polígonos industriais eólicos mariños sobre os recursos pesqueiros e as zonas de traballo das diferentes artes e segmentos de frota que operan no caladoiro nacional do Cantábrico Noroeste e os seus efectos sobre a economía das comunidades pesqueiras do Cantábrico”.
O Pleno urxe ao Estado a reparar as rotondas da Campiña e Nadela
O BNG expuxo no Pleno o estado “lamentable” do pavimento de Nadela (km. 494 da N-VI) e da Campiña (tramo N-640, km.88), dous dos principais accesos á cidade de Lugo e punto de intersección de vías troncais para a provincia levou ao Pleno provincial.
O grupo nacionalista acadou tamén o apoio unánime da corporación provincial para reclamar ao Estado o acondicionamento urxente do firme, “intransitable nalgún dos carrís” e “cun deterioro que avanza día a día polo volume de tráfico destas vías” que, lembrou, son de uso habitual para a veciñanza de distintas comarcas.