Burela, venres 20 de maio, 2022. Unha representación do BNG acudíu ás xornadas técnicas de pesca de Expomar celebradas os días 19 e 20 en Burela. O deputado Daniel Castro, membro da Comisión de Pesca do Parlamento, o portavoz municipal en Burela Mario Pillado e o reponsable comarcal Antonio Veiga estiveron nestas xornadas, que valoraron como moi positivas para o sector e que son un referente a nivel estatal e internacional.
Manifestaron tamén o apoio do BNG ás demandas e reivindicacións do sector porque “a pesca é un sector estratéxico e necesario, e especialmente na comarca da Mariña” afirmou Daniel Castro, que recordou tamén a proposta nacionalista aprobada por unanimidade na cámara galega o pasado 26 de abril para que a Xunta complemente con axudas propias as aprobadas polo Estado para o sector pesqueiro para minimizar as consecuencias derivadas da crise actual, así como que axilice de maneira urxente a exoneración das taxas portuarias por servizos administrativos, profesionais e por utilización privativa, ocupación ou aproveitamento especial do dominio público galego mentres se manteña a excepción da situación inflacionista.
Paralización das normativas europeas que afectan negativamente ao sector
O BNG coincide co sector pesqueiro en que hai tamén unha clara competencia desleal por parte de flotas externas que venden no mercado europeo, con normativas laxas para eles, ou sen normativas, mentras que a nosa flota está hipernormativizada e regulada. Por todo esto, o BNG planteou tamén nesa iniciativa parlamentaria aprobada unánimemente e en virtude dese acordo parlamentario a Xunta reclamará ao Estado a paralización sine die de todas as normativas europeas e internacionais que se están poñendo ou se pretenden poñer en marcha e que afectan negativamente ao sector, como a revisión da Directiva de Tributación da Enerxía e o paquete de medidas denominado Fit-For 55, o Programa de Acción Medioambiental da UE para 2030 e o probable acordo da OMC sobre a eliminación dos subsidios pesqueiros.