Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG busca o acordo do Pleno provincial para protexer a pesca do impacto da eólica mariña

Lugo, 29 de maio de 2022. O BNG busca un pronunciamento unánime da corporación provincial para protexer a actividade pesqueira do impacto da eólica mariña. A través dunha proposta de goberno que se debaterá no vindeiro pleno -o 31 de maio-, o grupo provincial nacionalista demanda ao goberno do Estado que blinde os caladoiros e espazos dedicados á actividade pesqueira fronte á ameaza que suporía a localización de instalacións eólicas mariñas.

O BNG avanza así na súa estratexía para comprometer a todas as institucións coas demandas recollidas no coñecido como “Manifesto de Burela”, asinado por asociacións e federacións de confrarías, así como armadores e outras organizacións vinculadas ao mar, que sinala que a instalación de parques eólicos nestas zonas é incompatible coa pesca e co mantemento da biodiversidade no medio mariño e advirte das posibles consecuencias dunha industrialización do mar como fonte de enerxía renovábel, en detrimento da produción de alimentos sostíbeis e saudábeis e do sector pesqueiro, sen que se teña feito ningunha avaliación sensata de como afectan aos nosos ecosistemas esas industrias.

Nese sentido, e seguindo o recollido no Manifesto, a moción pide ao goberno do Estado avaliar a través do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e do Instituto Español de Oceanografía ( IEO) o posible impacto de instalación de polígonos eólicos mariños sobre os recursos pesqueiros e as zonas de traballo das diferentes artes e segmentos de frota que operan no Cantábrico Noroeste e os seus efectos sobre a economía das comunidades pesqueiras do Cantábrico.

A deputada mariñá Mónica Freire sinalou que “coincidimos coas reivindicacións do sector pesqueiro galego e especialmente coa nosa frota da Mariña que ve con temor e preocupación tamén a existencia do proxecto de instalación do Parque Eólico Mariño “San Cibrao”, ao leste de Cabo Ortegal, presentado por parte de Iberdrola, un proxecto ao que, por certo, o BNG presentou alegacións o pasado agosto pedindo a súa retirada xa que afectaría á actividade pesqueira nos portos da Mariña e Ortegal”.

A deputada de Medio Rural e do Mar confía en lograr “un pronunciamento unánime como o que desde o BNG acadamos noutras institucións, esta mesma semana no Parlamento Galego, porque a actividade pesqueira é clave para o tecido económico e social en comarcas como A Mariña”.

Exit mobile version