Os rapaces, de 4º, 5º e 6º de primaria, estiveron acompañados na visita polos seus docentes e polo edil de Turismo, David Rodríguez, que puxo en valor “o gran legado que nos deixou este artista tan vencellado ao noso municipio, que era quen de transformar calquera materia nunha auténtica obra de arte”.
O edil puxo como exemplo da pegada de Guerra no noso municipio “a escultura Os Sete Mares que se ergue como porta de entrada ao peirao de San Cibrao coa que quixo representar a través da pedra o abrupto do mar; e a través das cerámicas as ondas nas diferentes tonalidades”.
Rodríguez convidou ao alumnado a desfrutar de cada unha das pezas exclusivas e singulares que compoñen a mostra deste artista con evidente sensibilidade e paixón polo medio natural “e que son unha importante representación do talento que emanaba Quique Guerra e que tan xenerosamente compartiu con todos nós”.