Unha das consecuencias das restriccións sanitarias foi a interrupción das actividades lúdico-pedagóxicas que Nordés viña organizando regularmente en colaboración cos colexios de O Vicedo e Mañón ata a chegada da COVID-19.
Agora, coa case total desaparición das restricións, é o momento en que Nordés volve a propoñer a realización de actividades nas que desexamos contar coa participación da rapazada xunto coas súas familias e así recuperar dinámicas relacionadas coa natureza e a súa preservación e conservación. Este é o caso do Proxecto Ríos no que participa a nosa asociación, e que ten entre outros fins o de dar a coñecer os ecosistemas acuáticos, como por exemplo o do río Sor, contribuíndo a crear “unha sociedade máis sensibilizada e capacitada para emprender accións de protección e mellora destes ecosistemas.”
Por isto, vimos a organizar unha nova edición deste Proxecto, ao que nesta ocasión engadimos unha “Ruta Interpretativa do Patrimonio Natural do Sor”, e que terá lugar o sábado 4 de xuño cos seguintes contidos, aos que se pode asistir de xeito independente:
09:00h. Inicio da ruta interpretativa na Ponte do Porto
12:00h. Final da ruta (4km) no Refuxio da Furada e realización do Proxecto Ríos
A actividade é de balde, e agardando que o proposto esperte o voso interese quedades convidados a pasar unha fermosa xornada na que o lecer, o coñecemento, e o compromiso co medio ambiente conxugarán á perfección.