O Vicedo, 5 de maio, 2022. O crecemento das propostas de recuperación da memoria histórica a través da Banda Deseñada é un fenómeno ao que Nordés, asociación que ven organizando dende hai 11 anos as Xornadas “Memoria dun Tempo”, non pode ser alleo. Para nós, este fenómeno vén a contribuir co seu propio léxico gráfico e escrito a darlle nova vida a tantas e tantas historias, feitos e personaxes que doutro xeito caerían no esquecemento. Un exemplo disto é o artista Pablo Prado (Fuco) que nos cedeu as ilustracións coas que compuxemos este cartel.
É por iso que Nordés, a asociación polo Desenvolvemento das Terras da Faladora, crea este Primeiro Certame de Banda Deseñada e Memoria Histórica, coa colaboración de Demo Editorial, para alumnado de ESO, Bacharelato, FP Básica e Media, o cal se poderá inscribir ata o 15 de xuño atendendo ás bases publicadas no blogue de Nordés: https://asociacionnordes.wordpress.com/
Haberá un único premio para a obra gañadora, consistindo en 150€ en efectivo mais outros 150€ en libros en Banda Deseñada aportados por Demo Editorial, entidade colaboradora deste certame, e será entregado no marco das Xornadas “Memoria dun Tempo” deste ano, que nesta ocasión estarán adicadas íntegramente á Memoria Histórica e o seu tratamento e divulgación mediante a Banda Deseñada.
Esta iniciativa vai ser difundida polos centros educativos non soio das bisbarras do Ortegal e A Mariña, senon que é intención de Nordés o que a mesma chegue aos mais posibles para acadar un nivel de participación que lle permita a este novo certame, no que Nordés ten postas moitas expectativas, nacer para quedarse.