Site icon Crónica3.com A Mariña

Mostra sobre o franquismo impulsada pola cronista oficial de Burela, Herminia Pernas, no IES Monte Castelo

Burela, 9 de maio de 2022. O alcalde de Burela, Alfredo Llano, visitou o IES Monte Castelo para ver a mostra sobre o franquismo e a Transición promovida pola historiadora galega e mestra de Historia de España do propio centro, a cronista oficial Herminia Pernas Oroza.

Coincidindo co temario da materia impartida ao alumnado de segundo de Bacharelato sobre a época franquista e o período posterior de Transición, Pernas Oroza puxo en marcha este proxecto con fondos propios para facilitar a aprendizaxe dun xeito didáctico, ameno e práctico.

A través das revistas de corazón do momento, como Hola, Semana, Lecturas ou Garbo, así como coa exposición de cuadernillos, guías, recursos educativos, ou mesmo libretas escritas coa caligrafía tan característica e coidada da época, as alumnas e alumnos achéganse a outro período histórico e coñecen parte dun sistema educativo distinto ao actual, e como consecuencia, dunha sociedade tamén diferente.

O rexedor subliñou “a oportunidade que brinda esta mostra de viaxar no tempo, de coñecer un momento histórico que as novas xeracións teñen a obriga de saber, de comprobar a visión que se tiña naquel momento da educación, e de avanzar recollendo as cousas positivas do pasado e tendo moi presentes as negativas para non repetilas”.

A mostra está a espertar moito interese non só no alumnado do centro, senón tamén entre o profesorado polo vínculo emocional que se establece cos materiais expostos, no que moitas persoas ven os libros dos seus pais ou avós, a caligrafía dos maiores das súas familias, ou os bens máis prezados que conservaban en caixóns.

Un proxecto que tivo o seu xerme nas clases de historia, nas que se repartía entre o alumnado parte do material que agora está exposto, e que vai sumando máis obxecto e pezas como unha pequena colección de billetes e moedas do franquismo e tamén da II República española. Unha iniciativa con vocación de continuidade no tempo, e con visos de estenderse para a poboación xeral.

Exit mobile version