Ribadeo, 15 de maio de 2022. No tradicional concerto das Letras Galegas da Banda Municipal de Música de Ribadeo, que tivo lugar no auditorio Hernán Naval onte, sábado, debutou un novo músico: o saxofón alto Iván Fernández Oural.
Na actuación de onte a Banda de Ribadeo interpretou por primeira vez dúas pezas: O pequeno Nicolás, de José Luis Tielas; e A Cova do Rei Cintolo, de Frank J.Cogollos, na que o narrador foi Manel Yáñez. A Banda ribadense tamén tocou Rosa de abril, de Andrés Gaos con arranxos de Hernán Naval; Balada galega, de Xoan Montes; 1888, de Juan Lois Diéguez; La Virgen de la Macarena, con arranxos de Calvin Custer; Nidito feliz, do Maestro Marino; e Sway, de Pablo Beltrán e Norman Gimbel con arranxos de Andrea Ravizza.
Os bises foron Muiñeira dos pendellos, de Juan Lois Diéguez; e o himno galego, para rematar o concerto.
O director da Banda ribadense, David Ballester Martínez, agradeceu “o esforzo realizado polos músicos e tamén por Xera e Francisco, para a montaxe e o traslado do material para poder levar a cabo o concerto”. Tamén explicou que “a primeira parte do repertorio desta actuación foi de música galega e de compositores galegos e as últimas pezas foron un pequeno guiño ao Ribadeo Indiano, que teremos en xullo”.