A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo participou na inauguración da XVIII Xornadas Interxeracionais Rurais de Cabreiros, en Xermade, que celebrou hoxe o primeiro encontro
García Porto destacou a importancia de que a perspectiva interxeracional sexa un elemento indispensable no deseño de políticas públicas centradas no benestar das persoas. “O contacto de novos e de maiores é unha canle privilexiada de transmisión de información. Máis aínda no rural. As persoas maiores son como unha biblioteca viva que recolle un enorme conxunto de saberes valiosos. Dende a Deputación de Lugo entendemos esta forma de entender as políticas públicas, e así o demostramos”, sinalou a Deputada.
Como exemplo, García Porto lembrou a rede de centros públicos de atención a maiores que ten implantada a institución provincial, “un modelo de pequenas residencias, integradas nos pobos e nas vilas, que manteñen o arraigo, que poñen no centro ás persoas, aos nosos maiores, o seu coidado, a súa dignidade, e tamén o seu saber e a súa experiencia”.
A Deputada de Promoción do Territorio e Turismo puxo en valor a organización das Xornadas Interxeneracionais Rurais. Aprendendo cos nosos maiores, unha iniciativa que, coas súas dezaoito edicións, “ten convertido a Xermade nun punto de referencia na reflexión e intercambio de experiencias acerca da convivencia no rural entre os maiores e os máis novos” e que “pon en evidencia algo que non nos cansamos de repetir na Deputación, que o noso rural non está baleiro, senón que está cheo de ideas e de propostas. O que necesitan son políticas públicas para saír adiante”.
As xornadas de Cabreiros arrancaron hoxe abordando as necesidades de autosuficiencia no agro, e continuarán os días 4 e 11 de xuño con relatores que tratarán os modelos de vivenda, o emprendemento ou a saúde emocional, entre outros temas.