Site icon Crónica3.com A Mariña

Galiza Nova analiza en Burela a atención á saúde mental na sanidade pública

Profesionais da sanidade e especialistas en saúde mental acompañaron á responsable comarcal da organización xuvenil Pilar Vázquez neste acto e denunciáronse as principais eivas neste ámbito

A Mariña, 13 de maio, 2022. Galiza Nova – A Mariña celebrou este venres no Hotel Nordés en Burela un acto sobre saúde mental, baixo o nome de “O custo de sobrevivir – A quebra da saúde mental”. “Un dos motivos polos que realizamos este acto de debate e de información é que para as mozas e mozos mariñaos a situación no ámbito da saúde mental é preocupante sobre todo tras a pandemia, cando o diagnóstico de enfermedades mentais na xente moza aumentou, polo que é necesario tamén que o cadro de psiquiatras de Saúde Mental na Mariña estea ao cen por cen” afirmou Pilar Vázquez, a responsable comarcal da organización xuvenil do BNG, quen afirmou tamén que “A Covid-19 colocou en primeiro plano a nosa saúde e reforzou as dinámicas alienantes e illadoras dun fallido Estado de Benestar relacionadas coas formas modernas de sufrimento psíquico na mocidade”. Neste acto estiveron tamén presentes, ademais da secretaria xeral de GN, Marta Gómez, a psicóloga e directora da UAD de Burela Conchi Abad, o psiquiatra Diego González Peña e a coordinadora da Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña, Montserrat Porteiro.

A pandemia provocou distanciamento social, levando ao illamento e á soidade, e tamén a criminalización da mocidade

Para Galiza Nova, ademais de ter que asumir responsabilidades por enriba das nosas posibilidades, vendo como a pandemia aumentaba as desigualdades que xa existían, as limitacións sanitarias e as medidas de distanciamento social mudaron a nosa forma de relacionarnos, levando ao illamento en moitos casos e en consecuencia á soidade. Afirman tamén desde a organización xuvenil que “a mocidade sufrimos ademais unha brutal campaña de criminalización por parte dos grandes medios de comunicación e dos gobernos tanto do Estado como da Xunta, facendo que recaera sobre nós a culpa dos surtos e as vagas da covid-19”.

Deficiencias nun servizo que debe estar ao cen por cen

Analizáronse as principais eivas e carencias nos servizos de psicoloxía e psiquiatría na Mariña, entre os que destacan a ausencia do servizo de psiquiatría infantoxuvenil, polo que hai que desprazarse a Lugo para recibir esta atención. No equipo de saúde mental da Mariña hai unha dotacion de dous psicólogxs para unha poboación de 70.000 habitantes co cal non se cumpre a media estipulada a nivel estatal, pois por esa media habería que dispoñer de 4. O equipo da continuidade de cuidados en psiquiatría é tamén deficitario en persoal ao non dispoñer de psiquiatra a tempo completo. Todo esto provoca que haxa pacientes que tarden moito tempo en ser vistos, o que é moi grave nas doenzas de saúde mental.

Exit mobile version