Piñeira foi o escenario elixido para o desenvolvemento dos Arrolos do Cantil na mañá do pasado sábado, unha actividade que foi impartida por Vanessa González, de Siete ranas verdes, profesora de ioga e guía de baños de bosque. A cita perseguiu o benestar físico e mental, a través de técnicas de relaxación na natureza, respirando aire fresco, apreciando o entorno, escoitando o son das ondas, sentindo a suavidade da herba fresca e os suxerentes aromas do mar. O entorno foi decorado para a ocasión.
E onte, domingo, no Cargadoiro tivo lugar unha sesión de Tai Chi. Héctor Peña introduciu aos asistentes no universo desta arte marcial que propicia a calma e o equilibrio interior a través dunha charla inicial, que deu paso á práctica das Oito Xoias. A xornada rematou cunha demostración das formas de Tai Chi.
As vindeiras actividades no mes de maio terán lugar os días 22 e 28.
O 22 terá lugar A vida no cantil cos cinco sentidos. Xurxo Mouriño, biólogo profesional da Bioloxía da Conservación da Natureza propón a partires das 11 da mañá un paseo de campo para coñecer aos seus habitantes a través dos sentidos: as herbas e as flores, os paxaros, os insectos e anfibios. Será en Piñeira.
E o 28 de maio desenvolverase a Xeoruta dos Pregues, a cargo de Fran Canosa. Os participantes visitarán unha das maiores estruturas xeolóxicas da Mariña lucense, o gran pregue que se estende desde a ría de Foz ata a ría de Ribadeo e que se xerou hai máis de 350 millóns de anos. O percorrido dará comezo ás 11 da mañá en Piñeira.
A participación en todas estas actividades é gratuíta. As persoas interesadas en acudir poden anotarse na páxina web de Turismo: http://turismo.ribadeo.gal
Para as fins de semana do vindeiro mes de xuño están programados Baños de cores, Artesanía de namorar, Arte no Cantil e mapas sonoros (taller para nenxs) e tamén espectáculos ao aire libre a cargo de Os Quinquilláns Teatro.