Maite Ferreiro entregou os galardóns aos mellores traballos, elixidos entre os 252 que se presentaron
Hugo Moirón Martínez do CEIP Fondo Nois de Foz, Aya Lafou Bouftini do IES Pedregal de Irimia de Meira, Ánxela Maneiro Pérez do CPI Dr. López Suárez de Friol e Claudia Pérez Barrientos do IES Río Cabe de Monforte foron as gañadoras e gañador do certame nas categorías 5 e 6 de Primaria, , 1 e 2 da ESO, 3 e 4 da ESO e Bacharelato e Ciclos, respectivamente.
Os seus traballos foron elixidos entre os 252 deseños remitidos á área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo desde centros de toda a provincia, creacións ao redo do lema proposto nesta segunda edición do certame “Contra o cambio climático, actúo”, que convidaba a representar graficamente esa idea, visibilizando solucións fronte á emerxencia climática.
Da valoración das obras encargouse un xurado formado pola ilustradora e presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) Laura Romero, a deseñadora gráfica Belen Freijeiro e o vicedirector da EASD Ramón Falcón, Alejandro Carro, que valoraron os aspectos determinados nas bases: relaciòn co tema proposto, orixinalidade e creatividade na interpretacion de dito tema, aportación narrativa desde a imaxe e técnica e composición.
As autoras das obras gañadoras foron agasalladas cun Ipad con aplicacións de deseño gráfico e cun lote das máis recentes publicacións en galego de álbum, banda deseñada e novela gráfica.
A vicepresidenta da Deputación Maite Ferreiro deu os parabéns as premiadas e agradeceu ao alumnado e profesorado a boa acollida desta desta segunda edición do certame, “unha aposta por fomentar a creatividade e por poñer en valor o traballo de ilustradores e ilustradoras galegas que vemos, con orgullo, que se vai consolidando entre a comunidade educativa”.
O acto, que conduciu a escritora e editora Eva Mejuto e no que tamén estivo o ilustrador Bruno López Rodríguez, contou coa presenza de familiares e docentes das alumnas premiadas.
Obradoiros en 14 centros educativos
O certame é parte dunha programación organizada pola Vicepresidencia da Deputación ao redor do Día da Ilustración en Galicia, Así, ademais do concurso, desde o pasado mes de marzo, 14 centros educativos acolleron obradoiros e coloquios, adaptados ás distintas etapas educativas.
O ilustrador Kiko da Silva compartiu a súa experiencia creativa co alumando dos IES Río Cabe de Monforte, o IES Pedregal de Irmia e o CPI Dr. López Suárez de Friol e na EASD Ramón Falcón de Lugo. A ilustradora Laura Romero e o músico Juan A. Álvarez impartiron obradoiros baixo o título “Os nosos ilustres instrumentos”no CEIP San Cosme de Barreiros, no CEIP Fondo Nois de Foz, no CEIP O Salvador da Pastoriza, no CEIP Plurilingue da Pontenova, no CPI de Cervantes, nos CEIP de Albeiros, de Paradai e Quiroga Ballesteros de Lugo , no CPI Ramón Piñeiro de Láncara e no CEIP Virxe do Carme de Sober.