Site icon Crónica3.com A Mariña

En marcha a cuarta poxa para proceder á venda do inmoble de Francisco Moreda en Ribadeo

Ribadeo, 25 de maio de 2022. O Concello pon en marcha a cuarta poxa para proceder á venda do inmoble de Francisco Moreda, o médico que decidiu deixar todos os seus bens, dereitos e accións ao Hospital Asilo de San Sebastián e San Lázaro. Agora reduciuse o prezo de saída e publicouse o anuncio de licitación no perfil do contratante. O prazo para presentar ofertas en sobre pechado será de 45 días naturais. O prezo de saída da poxa á alza será de 151.228 euros.

O alcalde, Fernando Suárez, dixo que “en cumprimento da vontade manifestada formalmente polo Sr. Francisco Moreda Pérez de deixar todos os seus bens, dereitos e accións ao Hospital Asilo de San Sebastián e San Lázaro de Ribadeo, desde o Concello inventariamos, valoramos e fixemos todos os trámites conducentes a cumprir escrupulosamente a vontade desta persoa. Entre outras cousas, fixéronse nestes últimos tempos tres poxas públicas pola súa vivenda da Rúa Reinante, 20-2º e mais polo 50% do seu faiado neste mesmo edificio así como polo contido desta propiedade. A poxa, nos tres casos, quedou deserta”.

O rexedor contou que “desde o Concello, decidimos solicitar novas valoracións á Oficina Técnica Municipal á vista de que o prezo de saída anterior puidese estar por riba dos prezos de mercado nese momento. Con esta nova valoración, que reduce novamente o prezo de saída, decretouse unha cuarta poxa pública á alza. Para isto publicouse o anuncio de licitación no perfil de contratante na Plataforma de Contratación do Sector Público. O prazo para presentar ofertas en sobre pechado será de corenta e cinco días naturais”.

Suárez Barcia subliñou que “o prezo de saída da poxa á alza para a vivenda e 50% do faiado é de 131.859 euros e o prezo do contido ascende a 19.369 euros. Así pois, continente e contido, suman un total de 151.228 euros polos que os posibles interesados deberán puxar á alza. Débese ter en conta que o piso ten unha superficie de 244 m2 e o faiado de 102 m2”.

O alcalde engadiu que “no caso de chegar a bo fin con esta nova poxa, o diñeiro conseguido sumarase aos outros bens xa monetarizados e custodiados pola intervención municipal e cuxo destino único será a mellora e modernización do Hospital Asilo de San Sebastián e San Lázaro, como era a vontade de Francisco Moreda Pérez”.

Exit mobile version