A institución provincial recibiu hoxe unha resolución da Subsecretaría de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana na que anula a decisión de outorgar ao topónimo Ría del Eo o mesmo nivel de oficialidade e uso
García Porto explicou que a Deputación presentou en decembro un recurso de alzada contra a resolución que ditou o pasado mes de outubro a Dirección Xeral do Instituto Xeográfico Nacional que establecía manter a denominación de Ría de Ribadeo como identificador xeográfico e outorgar ao topónimo Ría del Eo o carácter de nome alternativo, é dicir, co mesmo nivel de oficialidade e uso que Ría de Ribadeo.
A Subsecretaría de Transportes do Goberno de España vén de resolver sobre este recurso, e anula dita resolución do Instituto Xeográfico Nacional. Ao mesmo tempo, ordena retrotraer as actuacións ao momento previo á solicitude dun informe á Comisión Especializada de Nomes Xeográficos para que esta emita un novo ditame que conteña a motivación suficiente.
A Subsecretaría de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana “avala a postura e os argumentos que expuxemos dende a Deputación de Lugo no recurso de alzada que presentamos, unha exhaustiva motivación avalada por un informe de técnicos acreditados da Universidade de Santiago de Compostela, encargado e financiado integramente por esta institución”, asegurou a voceira socialista.
Fronte a isto, continuou a Deputada, “a resolución do Instituto Xeográfico Nacional non estaba motivada, en tanto que se baseou nun informe da Comisión Especializada de Nomes Xeográficos que unicamente concreta o sentido do resultado da votación, carecendo dunha fundamentación do sentido do voto efectuado por cada un dos seus membros”.
A Subsecretaría de Transportes argumenta literalmente que esta “irregular emisión de informe”, que era esencial para a toma da decisión por vir esixido directamente por unha norma, “debe levar consigo, conforme ao artigo 48.2 da Lei 39/2015 de 1 de Outubro de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, a anulación da resolución final por carecer dun requisito indispensable para alcanzar o seu fin”, expuxo Pilar García Porto.
Defensa de Ría de Ribadeo
Polo tanto, “dende a Deputación manifestamos a nosa absoluta satisfacción porque as alegacións que presentamos fosen tidas en conta, e que se anulase a resolución que determina a cooficialidade da Ría de Ribadeo e Ría del Eo. Dende esta institución seguiremos defendendo neste proceso e sempre a denominación oficial de Ría de Ribadeo, fronte á pretensión da cooficialidade con Ría del Eo, porque carece de fundamentación técnica, xurídica e histórica, tal e como consta no informe da Universidade de Santiago que presentamos nas alegacións”, asegurou a Deputada.