Site icon Crónica3.com A Mariña

Daniel Vega asegura que “o goberno local está a xerar malestar entre os funcionarios”

O popular sinala que “as consecuencias das actitudes chulescas e prepotentes do goberno local as pagamos todos os ribadenses” porque o Concello “ten baixo mínimos servizos esenciais para o seu funcionamento”

Ribadeo, 21 de maio 2022. O voceiro do Grupo Municipal Popular, Daniel Vega, considera advirte de que “o goberno local do BNG está a crear malestar entre os funcionarios dos servizos administrativos do Concello. Moitos xa se foron e ningún quere vir”, considera.

Os populares pedirán explicacións no vindeiro pleno municipal ao entender que “este mal ambiente de traballo débese ao ego, prepotencia e ás actitudes chulescas do goberno do BNG. E as consecuencias desta situación pagámolas todos os ribadenses”, advirte o portavoz. Ademais, queren saber “por que hai que botar man de xubilados para realizar determinados trámites administrativos, algo que non ocorre en ningún Concello da Mariña”.

Vega sinala, ademais, que “servizos esenciais para o funcionamento dunha administración están baixo mínimos no Concello de Ribadeo. É o caso de intervención e secretaría, dous postos que o Concello de Ribadeo ten compartidos con outros e, polo tanto, a falta destas figuras a tempo completo vai en detrimento do noso Concello. Pero que fai o goberno do BNG? Absolutamente nada”.

O voceiro do Grupo Municipal Popular lembra que “o goberno local nos trataba de mentirosos cando advertiamos que se estaban pagando facturas e subvencións con moito retraso”; pero “o día a día demostra que diciamos a verdade. O motivo do retraso no pago de facturas e subvencións débese a que intervención e secretaría están moi poucos días en Ribadeo e, polo tanto, non poden avanzar no traballo”, explica.

Vega pregúntase “que xestións está a facer o goberno local do BNG para conseguir que veñan funcionarios a Ribadeo” tendo en conta que “haberá persoal habilitado polo Goberno do Estado” para realizar as funcións de intervención e secretaría e que “hai soldos moi ben dotados economicamente neste Concello”.

“A falta de acción do goberno local do BNG” é para o popular “unha demostración dun goberno que toca o seu fin, que non está centrado no día a día -simplemente na foto- e que van a rebufo constantemente. Están a ver cantos concelleiros xuntan para facer unha foto e repetila 70 veces; pero non na xestión do día a día”.

Exit mobile version