Ribadeo, 4 de maio 2022. O portavoz do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Daniel Vega, agarda que “a visita que o delegado do Goberno prevé facer mañá a Ribadeo non se quede simplemente nunha foto. O Grupo Municipal Popular quere que se concreten inversións para mellorar Ribadeo”.
O popular aposta por trasladarlle “peticións que Ribadeo leva defendendo como pobo dende fai moito tempo e reivindicacións para mellorar o noso futuro”. Vega sinala por unha banda a necesidade de “facer dunha vez por todas o segundo acceso á autovía A-8 a Ribadeo e un acceso directo á variante da carretera de Santa Cruz para eliminar a circulación de camións pola carretera dos Garitos. Isto melloraría moito o tráfico”, subliña.
Sobre a autovía A-8, engade que “tamén queremos que, dunha vez por todas, se arranxe o seu firme ao seu paso por Ribadeo, en todo o tramo” porque, segundo sinala, “hai uns baches tremendos e o pavimento dos accesos a Ribadeo están destrozados”.
Outra das peticións que o Grupo Municipal Popular considera esencial trasladar ao delegado do Goberno é a de que o SEPES baixe o prezo do solo industrial do polígono de Ribadeo aplicando unha bonificación do 50% a tódalas parcelas e non só a unhas poucas. Vega explica que noutros polígonos estase a aplicar esta medida para favorecer o asentamento de empresas. É o caso dos polígonos de Cervo e Xove que xestiona Xestur.
Vega sinala que “estamos fartos das pelexas Costas-Concello e Concello-Costas” e urxe a que “Costas arranxe dunha vez por todas o acceso á praia do Cargadeiro e tamén a praia da Olga que están completamente abandonadas. Necesitamos inversións”.
Así mesmo, asegura que “precisamos que se limpe e conserve ben o paseo marítimo”. Nese sentido, pon como exemplo Rinlo, que “está completamente abandonado. Non hai conservación e o abandono apodérase da zona e, polo tanto, agora hai que investir máis diñeiro”.