Site icon Crónica3.com A Mariña

Concorrido acto do PP de Viveiro, co dobre obxectivo de informar sobre as melloras que se executarán na LU-540 e de homenaxe aos concelleiros e ex concelleiros populares

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, explicou as obras que executará a Administración autonómica na LU-540, entre Viveiro e Cabreiros, que teñen un orzamento de 13,4 millóns

Viveiro, 27 de maio de 2022. O PP de Viveiro celebrou na tarde-noite do xoves nun hotel do entorno da cidade un moi concorrido acto de partido que tivo un dobre perfil, por un lado, informativo e, por outro, de homenaxe aos concelleiros e ex concelleiros populares neste municipio. Entre os asistentes estiveron a presidenta provincial do PP, Elena Candia (vicepresidenta primeira do Parlamento); o delegado territorial da Xunta, Javier Arias; coordinador xeral e portavoz provincial dos populares, José Manuel Balseiro, e o presidente do PP local e portavoz municipal, Óscar Rodríguez.

A primeira parte do acto estivo centrada na información que facilitou o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, sobre as relevantes obras de mellora que acometerá a Administración autonómica na estrada de Viveiro a Cabreiros (LU-540).

Unha vez executada a reforma, circular por dita vía será moito máis seguro e a velocidade media mellorará. Nestes momentos, está aberto o prazo (rematará o 16 de xuño) para a presentación de alegacións ao proxecto. Arias explicou que o investimento autonómico de 13,4 millóns de euros permitirá acurtar o tempo de percorrido ao duplicar a extensión de terceiros carrís. Con esta intervención refórzase a competitividade territorial das comarcas da Mariña e da Terra Cha, mellora a seguridade viaria dos condutores e ofrece aos veciños desprazamentos máis cómodos e rápidos. Igualmente, optimizarase a seguridade viaria nas 9 principais interseccións para reducir os riscos con actuacións puntuais e efectuarase unha mellora puntual do trazado entre os puntos quilométricos 5 e 8, un treito que se dotará de cuneta de seguridade.

A outra parte do acto celebrado en Viveiro constituíu unha homenaxe a todos os concelleiros e ex concelleiros populares. Entre os asistentes ao acto estivo o ex alcalde César Aja, que, a petición dos asistentes, tivo que improvisar un breve discurso, no que destacou a importancia de recuperar a alcaldía, para que Viveiro saia da parálise na que está sumido este municipio dende que goberna a socialista María Loureiro. Actuou de mestre de cerimonia a secretaria xeral do PP de Viveiro, Mariña Gueimunde (xefa territorial de Educación) e ela mesma ex concelleira popular. Os homenaxeados recibiron unha insignia conmemorativa; a entrega deste agasallo correu por conta da presidenta provincial do PP, Elena Candia; o coordinador xeral do partido, José Manuel Balseiro; o delegado territorial da Xunta, Javier Arias; o alcalde de O Vicedo, Jesús Novo.

O presidente do PP local e portavoz municipal, Óscar Rodríguez, nas súas intervencións destacou á necesidade de traballar intensamente ata as próximas eleccións municipais para recuperar a alcaldía de Viveiro. Dedicou unha dura crítica á alcaldesa, a socialista María Loureiro, á que acusou de incapacidade de xestión e de intentar continuamente responsabilizar á Xunta do que non fai como alcaldesa. Lembrou os investimentos efectuados pola Administración autonómica en Viveiro e chamou a toda a militancia a traballar activamente para que o resultado das eleccións permita que o PP goberne neste municipio.

O acto pechouse cunha intervención da presidenta provincial do partido Elena Candia, que acaba de asumir a vicepresidencia primeira do Parlamento de Galicia. Na súa liña habitual, insistiu na necesidade de traballar intensamente para alcanzar os obxectivos, que, no caso de Viveiro, é a alcaldía. Destacou que o traballo debe levarse a cabo con firmeza e tesón pero con humildade. Puxo en valor o traballo da Xunta en relación coa provincia, en xeral, e con Viveiro en particular, e destacou as negativas consecuencias que para A Mariña teñen as decisións adoptadas polo Goberno central, presidido polo socialista Pedro Sánchez.

Exit mobile version