Site icon Crónica3.com A Mariña

Clausuradas as XXIX Xornadas Técnicas de Expomar

O porto de Burela acolleu este xoves 19 e venres 20 de maio o XXIII Encontro Empresarial e as XXIX Xornadas Técnicas de Expomar

Burela, 20 de maio, 2022. A clausura das Xornadas Técnicas 2022 correu a cargo da secretaria xeral de Pesca Marítima do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Alicia Villauriz, que estivo acompañada do presidente da Fundación Expomar e alcalde de Burela, Alfredo Llano; o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé; a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez; e Narciso González en representación da Consellería do Mar da Xunta de Galicia.

A secretaria xeral de Pesca, Alicia Villauriz defendei durante o acto de clausura o proxecto de lei de Pesca Sostible, unha proposta “de todos e para todos” que “incorpora o principio de sostibilidade, abarcando de modo equilibrado os seus tres compoñentes: os recursos pesqueiros, a cohesión social e o emprego, e a rendabilidade económica”.

Pola súa parte, o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, defendeu a pesca como actividade estratéxica e esencial e solicitou “un plan industrial para A Mariña e a provincia de Lugo, que aproveite as nosas materias primas de primeira calidade e as grandes potencialidades que teñen sectores como a pesca, o leite, a carne ou a madeira, ademais de zonas e paisaxes moi variadas, desde a costa ata a Ribeira Sacra”.

Previamente celebrouse a segunda xornada “Sostibilidade, saúde e comportamentos de compra”, na que se seguiu promocionando o consumo de peixe, o coidado da saúde e a defensa dun medio sostible.

Moderada pola secretaria adxunta de Cepesca, Rocío Béjar, na segunda xornada técnica participaron Cristina Cucullo, mánager da área de estudos ao consumidor de Kantar; Gumersindo Feijoo, vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da Universidade de Santiago de Compostela; e Guillermo Aldama, cardiólogo do CHUAC, membro da Sociedade Española de Cardioloxía e da Fundación Española do Corazón, que se conectou vía telemática.

Durante a clausura das Xornadas Técnicas 2022, o presidente da Fundación Expomar e alcalde de Burela, Alfredo Llano, convocou xa a tódolos asistentes, tanto os presentes no salón de actos da confraría de pescadores de Burela como as personas que seguiron as xornadas a través da web www.expomar.com, á próxima edición do evento, que se celebrará en maio de 2023 coincidindo coa 19ª edición da feria náutico pesqueira Expomar.

A Fundación Expomar aposta decididamente polo mar non só coa celebración da feira bienal, as xornadas técnicas ou o encontro empresarial, senón con outra serie de accións de apoio ao sector pesqueiro. Nestes últimos anos dirixíronse especialmente cara o ámbito da saúde e o consumo de peixe, como por exemplo as xornadas sobre nutrición “Come Sano, Come Peixe” en decembro de 2021 ou as xornadas de nutrición e saúde mental “Mens Sana in Corpore Sano”, o pasado mes de abril.

As Xornadas Técnicas e o Encontro Empresarial están promovidos pola Fundación Expomar, en colaboración coa Deputación de Lugo e a Autoridade Portuaria de Ferrol San Cibrao, e financiadas polo GALP A Mariña Ortegal.

Exit mobile version