Site icon Crónica3.com A Mariña

Cadernos da viaxe. “Comprometermos coa lingua”, por Xoán Antón Pérez Lema

Tiven a ocasión de lembrar en foros e artigos, nestas datas próximas ao Día das Letras, a importancia do factor xurídico. Porque a esixencia de remudas normativas e da reivindicación dos nosos dereitos lingúísticos haberían ser chave cara ao futuro da nosa lingua. O galego está desprotexido constitucionalmente, ao se recoñecer o deber de saber o castelán sen o correlativo de saber galego. Dende a constatación desta realidade obxectiva todos son desigualdades. Velaiquí o ecosistema xurídico que é fonte de todas as xurisprudencias minorizadoras.

Non existe, pois unha cooficialidade en pe de igualdade. Mais si un conxunto de dereitos lingüísticos que, de se exercer por centos de milleiros, mudaría substancialmente a realidade do galego na nosa sociedade. Velaiquí algúns exemplos das posibilidades de exercicio dun compromiso cívico a prol da lingua:

i) Pedirlle aos profesionais da avogacía que defendan os nosos intereses que usen o galego na xustiza e esixan as notificacións de todas as actuacións na nosa lingua.

ii) Esixir das Administracións locais, da autonómica e da periférica do Estado (incluídas a Seguridade Social e as Axencias Tributarias todas) que se tramite o procedemento administrativo na nosa lingua.

iii) Requirir das notarías, bancos, compañías de telecomunicacións e de enerxía e aseguradoras que nos entreguen ou remesen toda a documentación contractual, informativa e de facturación en galego.

iv) Reclamar dos clubes deportivos e das asociacións culturais, veciñais, empresariais e sindicais das que facemos parte como seareiros, socios, colaboradores, etc. que usen o galego na súa sinaléctica, comunicación e documentación interna.

v) Usar sempre o galego na hostalería e comercio minorista ena Galicia. Os turistas non teñen obriga de entender o galego e é normal que mudemos de lingua, quer ao castelán, quer ao inglés ou a que sexa. Mais as persoas que traballan cara ao público si, aínda que naceran na China, Madrid ou o Perú. Quen traballa en Galicia habería de entender o galego para atender a xeito á nosa xente.

vi) Reclamar do SERGAS o uso do galego na medida do que cada quen poida. Evidentemente ninguén vai adiar unha atención médica urxente agardando por un consentimento informado en galego, mais o que cumpriría é denunciar perante a Secretaría Xeral do SERGAS calquera omisión ou vulneración dos dereitos lingüísticos.

O estatuto de cidadanía esixe nunha democracia avanzada o exercicio cívico dos dereitos, malia que nos fagan sair da nosa zona de confort.

Exit mobile version