Ribadeo, 11 de maio de 2022. O concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Díaz Freije, fai unha valoración positiva das bandeiras azuis que veñen de conseguir as praias de As Catedrais e Os Castros-As Illas, así como o sendeiro azul que recibe o paseo que vai desde o faro da Illa Pancha ata As Aceas.
Jorge Díaz dixo: “desde o Concello valoramos positivamente recibir estas bandeiras azuis un ano máis. Iso quere dicir que estamos a facer as cousas ben. E tamén queremos felicitar ao Club Náutico de Ribadeo pola súa e polo traballo que realizan”.
O edil ribadense subliñou que “os areais ribadenses estarán preparados para recibir aos visitantes, contarán con servizo de socorrismo, de limpeza, etc… todo o que esixen tanto Bandeira Azul como a Q de Calidade Turística. Xa iniciamos o proceso para proceder á contratación dos socorristas e técnicos sanitarios que traballarán este verán nas nosas praias. Agardamos que todo estea listo para que a principios de xullo poidan estar velando pola seguridade dos miles de visitantes que chegarán a Ribadeo un ano máis”.