O delegado territorial do Goberno galego, Javier Arias, salientou a elevada demanda que está a ter o servizo, que permanece ata mañá en Ribadeo e Barreiros e a continuación desprazarase a Lourenzá e Riotorto
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou hoxe o autobús en Ribadeo, onde salientou a elevada demanda desta iniciativa que o Goberno galego ofrece a todos os maiores de 55 anos que o soliciten. En concreto, en Foz houbo 77 usuarios do 4 ao 6 de maio; e en Trabada 47 nas mesmas datas e tamén o luns día 9.
“Desde que comezou a funcionar o servizo hai algo máis dun mes atendeu arredor de 780 persoas na Mariña e no municipio limítrofe de Muras”, dixo o delegado, a falta de contabilizar as cifras de Barreiros e Ribadeo, onde as unidades móbiles están desprazadas ata mañá xoves.
As próximas paradas serán en Lourenzá (os días 13, 16, 18 e 19 de maio); Riotorto (13, 16 e 18); A Pastoriza (19, 20, 23 e 24) e A Pontenova (20, 23 e 24 de maio). Despois, ao longo deste mes continuarán en Meira, Negueira de Muñiz, Ribeira de Piquín e A Fonsagrada.
As unidades móbiles impulsadas polo Goberno galego e xestionadas pola Asociación de familiares de enfermos de alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas de Lugo (Afalu) percorrerán todos os municipios galegos -a excepción das sete grandes cidades- para achegar gratuitamente á veciñanza revisións e valoracións auditivas; atención podolóxica para prevención, diagnose e tratamento das principais patoloxías dos pés; e realización de probas de valoración cognitiva ou exercicios de estimulación para a prevención de Alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas.