O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que o programa da Consellería de Política Social recala estes días en Trabada e Foz, onde se instalaron senllos autobuses nos que se ofrecen servizos gratuítos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria ás persoas maiores de 55 de anos que o soliciten.
En Foz permanecen desde o pasado mércores ata hoxe, e en Trabada engadirán tamén o próximo luns. Ata o de agora, as unidades móbiles xa teñen visitado na comarca os municipios de Ourol, Xove, Valadouro, O Vicedo, Alfoz, Mondoñedo, Viveiro, Burela e Cervo.
Nas vindeiras semanas os autobuses continuarán maioritariamente na zona da Mariña. En concreto, as próximas paradas están previstas en Barreiros, dos días 9 ao 12; Ribadeo, do 10 ao 12; Lourenzá, do 13 ao 19; Riotorto, do 13 ao 18; A Pastoriza, do 19 ao 24, e A Pontenova, do 20 ao 24.
O horario de atención é moi amplo, de 9 a 20 horas de luns a venres, salvo festivos. As persoas interesadas en solicitar cita previa ou pedir información poden facelo a través do número de teléfono 622.748.283 e no enderezo de correo electrónico coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal.
Arias destacou que as unidades móbiles desprázanse por todos os municipios galegos -a excepción das sete grandes cidades- e permanecen entre dous e catro días en cada un para achegar coidados especializados á veciñanza sen necesidade de facer desprazamentos. Realízanse revisións e valoracións auditivas; atención podolóxica para prevención, diagnose e tratamento das principais patoloxías dos pés; e probas de valoración cognitiva ou exercicios de estimulación para a prevención de Alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas.
A Xunta investirá 10 millóns de euros nesta iniciativa entre as anualidades 2022 e 2023. O servizo está xestionado pola entidade social Afalu e para prestalo haberá oito unidades móbiles percorrendo a Comunidade, dúas en cada provincia.
Saúdos do Gabinete de Comunicación da Delegación Territorial