O edil ribadense dixo que “ante controversia suscitada nos últimos días sobre a campaña das Panchas, organizada polo Concello de Ribadeo, gustaríanos aclarar que precisamente a finalidade é favorecer e potenciar o consumo no comercio local, obxectivo claramente conseguido. Trátase dunha campaña totalmente innovadora a nivel de todo Estado, e de feito recibíronse numerosas chamadas para axudar a implantar algo semellante noutras vilas ou cidades”.
Vizoso Galdo subliñou que “desde o punto de vista legal e normativo, a dinámica da noso programa é a mesma que as campañas da Xunta ou doutras administracións, aínda que no noso caso con moito maior impacto no comercio local. As bases reguladoras da Pancha e deste tipo de campañas definen esta axuda como unha subvención pública a fondo perdido na que os beneficiarios son as persoas consumidoras, como moitas outras campañas, estou a falar do Bono Activa Comercio, do Bono Cultura, dos Bonos Turísticos da Xunta, dos Bonos Corazón, das Panchas e un longo etc… que se atopan na mesma situación. E como tal este tipo de axudas públicas teñen uns controis e nós como Concello debemos comunicar cómo empregamos o diñeiro público”.
O concelleiro de Desenvolvemento Local indicou que “o Concello de Ribadeo actuou segundo lle comunicaron os servizos de Intervención e mais a Axencia Tributaria Estatal, que a considerou, tras unha consulta formal, como unha axuda que se debe declarar como ingreso no apartado de ganancias patrimoniais. E agora, con moita sorpresa pola nosa parte, observamos que outras administracións, que pode ser que non o teñan comunicado, como parece interpretarse polo que se ve nos medios, non é compresible que se centren os tiros no Concello de Ribadeo que sí fixo as cousas ben, seguindo as indicacións da propia normativa tributaria”.
Pablo Vizoso recalcou: “insistimos en que estas axudas ao consumo están dirixidas a cidadanía, é dicir ao consumidor (tanto os Bonos Activa Comercio, os Bonos Turísticos, as Panchas, as axudas ás compras de coche ou para placas solares) e se as administracións que promoven estas axudas non o declaran á Axencia Tributaria, tal e como ten feito o Concello de Ribadeo e como marca a normativa, poden estar causándolles un problema ás persoas que se beneficiaron deste tipo de axuda”.
O edil de Desenvolvemento Local engadiu que “estamos a falar dunha axuda máxima de 70 euros, que dificilmente pode afectar de forma negativa na declaración da renda dos particulares, senón todo o contrario. E é unha mágoa que unha iniciativa tan boa coma a das Panchas, que tanto beneficio lle reporta ao comercio de Ribadeo, á súa imaxe e tamén á veciñanza, se vexa prexudicada por non se sabe ben que intereses de certas persoas ou agrupacións. De todos os xeitos desde o Concello seguiremos traballando para o beneficio da cidadanía, para o beneficio da contorna e por suposto para o beneficio do comercio local de Ribadeo”.