Site icon Crónica3.com A Mariña

Arrincou en Ribadeo O Renacer do Cantil, o programa de actividades das fins de semana de maio e xuño

Ribadeo, 8 de maio 2022. Onte, sábado, arrincou en Ribadeo O Renacer do Cantil, un programa de actividades que se desenvolve durante as fins de semana dos meses de maio e xuño e no que a natureza será a protagonista. O obxectivo da Concellaría de Turismo é a desestacionalización e ofrecer novas propostas aos visitantes, que poderán beneficiarse dos seus efectos positivos.

Na Illa Pancha desenvolveuse O Bardo do Cantil con grande afluencia de participación. O actor e guía turístico Suso Martínez propúxolles aos asistentes unha viaxe imaxinaria, unha declamación pondaliana en clave mitolóxica. Foi un relato, acompañado pola música do grupo tradicional Illa Pancha, no que o universo mítico dos cantís e do mundo celta foron os protagonistas. A Concellaría de Turismo decorou a zona para contribuír á creación dun ambiente máxico. Ata a Illa Pancha se achegou o edil responsable deste área, Pablo Vizoso.

Para o vindeiro sábado, 14 de maio, están programados Arrolos do Cantil en Piñeira ás 11:30 horas. A actividade será impartida por Vanessa González, de Siete ranas verdes, que é profesora de ioga e guía de baños de bosque. A cita persegue o benestar físico e mental, a través de técnicas de relaxación na natureza, respirando aire fresco, apreciando o entorno, escoitando o son das ondas, sentindo a suavidade da herba fresca e os suxerentes aromas do mar. O número de prazas é de 20 e recoméndase aos asistentes acudir cunha mantiña.

O 15 de maio haberá Tai Chi no Cantil no Cargadoiro de 11 a 13:30 horas. Héctor Peña introducirá aos asistentes no universo desta arte marcial que propicia a calma e o equilibrio interior a través dunha charla inicial, que dará paso á práctica das Oito Xoias e rematará cunha demostración das formas de Tai Chi.

O 22 de maio terá lugar A vida no cantil cos cinco sentidos. Xurxo Mouriño, biólogo profesional da Bioloxía da Conservación da Natureza propón a partires das 11 da mañá un paseo de campo para coñecer aos seus habitantes a través dos sentidos: as herbas e as flores, os paxaros, os insectos e anfibios. Será en Piñeira.

E o 28 de maio desenvolverase a Xeoruta dos Pregues, a cargo de Fran Canosa. Os participantes visitarán unha das maiores estruturas xeolóxicas da Mariña lucense, o gran pregue que se estende desde a ría de Foz ata a ría de Ribadeo e que se xerou hai máis de 350 millóns de anos. O percorrido dará comezo ás 11 da mañá en Piñeira.

A participación en todas estas actividades é gratuíta. As persoas interesadas en acudir poden anotarse na páxina web de Turismo: http://turismo.ribadeo.gal

Para xuño están programados Baños de cores, Artesanía de http://turismo.ribadeo.gal Arte no Cantil e mapas sonoros (taller para nenxs) e tamén espectáculos ao aire libre a cargo de Os Quinquilláns Teatro.

Exit mobile version