Visitaron distintos lugares emblemáticos da vila como o Porto, o Barco Museo, A Moncloa, a Cetárea e o Almacén do Peixe
Burela, 25 de maio de 2022. A Aula Gaia do Concello de Burela continúa coas actividades destinadas aos escolares do municipio para promover valores como o respecto ao medio ambiente ou a defensa dunha pesca sostible, nesta ocasión cunha pequena excursión polos lugares máis emblemáticos da localidade.
O alumnado de 5º de primaria do Ceip Virxe do Carme visitou no día de hoxe o Porto, o Barco Museo, A Moncloa, a Cetárea e o Almacén do Peixe xunto coas súas mestras e as monitoras da aula Gaia.
A través desta iniciativa as nenas e nenos aprenden cuestións fundamentais que forman parte da cultura e historia local, como por exemplo o Barco-Museo, lugar no que “se explicaron as características do boniteiro, como pescaban e que pescaban os mariñeiros, as diferentes artes de pesca, canto duraba a marea do bonito ou en que condicións ían”, subliñan desde Gaia.
Tamén no Almacén do Peixe descubriron as distintas especies que teñen á venda para que se integre na aprendizaxe desde as primeiras etapas a cultura mariñeira e dean valorar aos produtos autóctonos e á gastronomía da comarca.
O obxectivo principal desta actividade foi o de promover entre os máis pequenos o coñecemento da historia da pesca do bonito en Burela, así como saber máis sobre os métodos de pesca actuais para que comprendan a importancia dunha pesca sostible que non acabe coas especies existentes.