Este primeiro encontro trazou as liñas de traballo para a divulgación do produto e a creación dunha nova ruta gastro experencial entre as dúas localidades
A intervención telemática de Alfredo Llano xirou entorno a tres aspectos fundamentais: a divulgación das cualidades do Bonito de Burela, a defensa dunha pesca sostible e a repercusión gastronómica, cultural e turística do produto.
“Para Burela o bonito foi un factor clave de desenvolvemento a nivel socioeconómico, cun porto pesqueiro dos máis importantes do Cantábrico, unha Feira do Bonito recoñecida de interés turístico nacional, e un barco museo sobre o mar que recolle toda a historia mariñeira dos boniteiros na comarca”, salientou Llano.
“Compartimos con Tarifa a defensa do noso produto, que divulgaremos en conxunto co Atún Rojo, promovendo unha ruta gastronómica que de seguro terá aínda máis repercusión no plano cultural e turístico”, explicou o rexedor en alusión á iniciativa da ruta que se establecerá entre Burela e Tarifa para divulgar as cualidades do bonito.
Ademais, o alcalde de Burela puxo en valor “os métodos de pesca sostible empregados nas nosas costas, unhas prácticas respectuosas co medio que supoñen un distintivo irrenunciable e co que institucións e sector pesqueiro estamos fondamente comprometidos”.
Nesta xornada tamén se fixo unha análise da situación actual do sector, con representación de organismos públicos e privados, que abordaron a arte da pesca e o seu entorno como fonte de produtos turísticos, finalizando con showcooking e unha degustación.