Burela, 31 de maio de 2022. A concellería de Cultura anuncia que segue habendo prazas de inscrición para participar no Gran Karaoke que se celebrará no marco das Festas Patronais. O Auditorio Municipal dará cabida a este evento o mércores día 1 e o xoves día 2 de xuño, agardando a boa acollida que tivo en pasadas edicións.
Os participantes distribuiranse nas categorías infantil e xuvenil, que interpretarán as súas pezas o mércores a partir das 20:30 horas, e na categoría senior para adultos, que comezará o xoves ás 21 horas.
Para poder inscribirse, as persoas interesadas poderán empregar distintas modalidades, ben achegándose presencialmente á Casa da Xuventude sita na rúa do Cancelo nº 1, chamando por teléfono ao 982 58 11 41, ou ben enviando un correo electrónico á dirección casaxuventude@burela.org. Os datos que deberán facilitarse son o nome e apelidos, idadade, número de contacto e canción que cantará e autoría da mesma.
Desde a organización elaborarán unha lista de participantes en función das categorías, e poderase facer un ensaio previo o propio día da actuación. O formato é similar ás edicións anteriores, con entrada libre e gratuíta ao auditorio.
O edil de Cultura, Jose Díaz, convidou a participar “a todas as veciñas e veciños que o desexen porque este Gran Karaoke xa se consolidou como unha cita que esperta gran interese en Burela e que ten moita popularidade, supoñendo un atractivo que enche o noso auditorio e que permite complementar as festas con música, participación e diversión”.