Viveiro, 2 de maio de 2022. A Xunta investiu preto de 650.000 euros nunha renovación integral do Albergue xuvenil de Area, en Viveiro. A conselleira de Política Social, Fabiola García, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe as instalacións, onde sinalou que grazas a esta renovación milleiros de xeracións de galegas e galegos poderán seguir desfrutando de aventuras e novas amizades nas actividades que a Xunta de Galicia organiza durante os meses de verán, primavera e outono.
Neste sentido, concretou que o Goberno galego realizou nos últimos anos numerosas melloras para acondicionar este complexo. Entre elas, subliñou a renovación completa do seu mobiliario, o cambio das ventás do inmoble ou a reparación e cambio da cuberta de lousa, que se realizou levou a cabo este último ano.
Esta adecuación do Albergue xuvenil de Area permite que durante os meses de abril e maio esta instalación, ao igual que moitas outras de Galicia, desenvolva actividades de ocio e aprendizaxe non formal dentro do programa Primavera Xove da Xunta de Galicia; e tamén que acolla durante o verán a oferta de campamentos que pon en marcha o Goberno galego, e que se dará a coñecer nas vindeiras semanas.
Actividades do ‘Primavera Xove’
Primavera Xove ofrece máis de 1700 prazas entre estadías en albergues, feiras nos espazos xoves ou encontros de networking en universidades. A conselleira explicou que con iniciativas como esta o obxectivo é darlle vida útil a instalacións como o Albergue xuvenil Area máis alá dos meses de verán.