Corresponden ás achegas dos programas para a contratación de perceptores da Risga, socorristas e o Aprol Rural
O Vicedo, 26 de maio de 2022. Os concellos da Mariña están tramitando a contratación dun centenar de traballadores e traballadoras co financiamento da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade a través de tres programas de axudas, que suman un investimento de 804.745 euros na comarca.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que se trata en concreto de 97 traballadores desempregados os que se incorporarán nas vindeiras semanas aos servizos municipais en todos os concellos da Mariña. 50 contratos corresponden á orde de apoio para socorristas, 25 á de Aprol Rural, e 22 á convocatoria para sufragar a contratación de persoas perceptoras da Risga (Renda de Integración Social de Galicia).
A data tope para a alta dos contratos financiados a través do Aprol Rural é o 15 de xuño, e nos outros dous casos poden asinarse ata o 1 de xullo. Son os propios concellos os que xestionan as contratacións, mediante a presentación da correspondente oferta de emprego nas oficinas públicas de emprego.
Os concellos de Foz, Ribadeo, Viveiro e Burela suman 12 novos traballadores cada un, con achegas que van desde os 112.130 euros aos 94.000 euros. O Vicedo contratará a dez persoas, Xove a nove, Cervo a oito e Mondoñedo a seis. Haberá tres traballadores máis en Barreiros, A Pontenova, Trabada e Ourol; dous en Lourenzá e un en Alfoz e O Valadouro.
Duración e funcións
A duración dos contratos financiados oscila entre os dous meses -para os socorristas- e os nove meses. No caso do Aprol Rural deben ser a xornada completa, e dedicaranse a labores de mantemento e aproveitamento das faixas secundarias definidas pola Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, como son a planificación preventiva, a valorización forestal, a silvicultura, a limpeza de montes ou a xestión da biomasa.
O programa para persoas perceptoras da Risga establece a cobertura dos gastos salariais totais derivados da contratación por un período máximo subvencionable de 9 meses, asumindo do 50% ao 75% da xornada. Encargaranse de realizar obras ou servizos de interese xeral nos seus respectivos municipios.
Deste xeito, afirmou Arias, “a Xunta reforza os servizos municipais ao tempo que proporciona a persoas desempregadas un contrato temporal que lles permita adquirir a práctica profesional necesaria para facilitar a súa inserción laboral, con especial atención aos colectivos más vulnerables”.