Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta concede a Alcoa 985.000€ para a mellora da eficiencia enerxética na planta de San Cibrao

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, avanzou hoxe que o Goberno galego vén de conceder unha axuda de 985.000 euros que permitirá reducir na fábrica o consumo inicial en preto dun 3%

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2022. A Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, vén de acordar a concesión dunha axuda de 985.000 euros á planta de Alcoa San Cibrao para a mellora da súa eficiencia enerxética. En concreto, a empresa investirá 3,4 millóns de euros para na fundición e conformado de ánodos para a substitución do consumo de fuelóleo por gas natural co obxectivo de reducir en preto dun 3% o consumo inicial, o que supón máis de 4 millóns de kWh/ ao ano.

O proxecto contempla a conexión co gasoduto, así como a instalación dunha estación de regulación e medida para facturación, tubaxe de distribución, ademais de elementos para regulación, control e supervisión tanto dos equipos de combustión como dos fornos de elaboración. De feito, trátase dun proxecto comprometido pola empresa no plan de investimentos acordado cos traballadores da factoría.

Tal e como explicou a directora xeral, os apoios enmárcanse na liña da Xunta de Galicia destinada a impulsar proxectos de eficiencia e aforro enerxético tanto en pemes como en grandes empresas do sector industrial.

Deste xeito, a Administración autonómica amosa o seu compromiso co mantemento da actividade industrial en Alcoa e a súa vontade de buscar solucións que permitan apoiar a industria electrointensiva e o mantemento do emprego nun momento de grandes dificultades.

Uría achacou que esta imposibilidade de producir aluminio primario en España vén motivada pola falta de implicación do Goberno central, incapaz de dar respostas e de activar mecanismos que permitan a esta industria contar cun marco enerxético estable que garanta un prezo eléctrico competitivo, condición indispensable para reactivar dita produción.

“Levamos moitos meses reclamando un marco enerxético estable que permita garantir ás empresas de Galicia un prezo eléctrico co que competir en igualdade de condicións co resto de países europeos”, concretou a directora xeral de Planificación Enerxética. Neste sentido, engadiu que a Xunta segue ofrecendo ao Goberno toda a colaboración para dar unha solución tanto a Alcoa como ao conxunto da industria electrointensiva.

Exit mobile version