Ribadeo, 10 de maio 2022. O voceiro do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Daniel Vega, explica que “a Xunta de Galicia achega unha axuda de 9.696 euros ao Concello de Ribadeo para a mellora e acondicionamento exterior da escola de Ove”.
O popular sinala que se trata dunha axuda convocada pola vicepresidencia primeira e consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo dirixida ao embelecemento no Camiño. Nese sentido, Vega considera que é “unha axuda importante” porque permite “conservar o patrimonio”; xa que contribúe a “mellorar e recuperar os edificios en mal estado”.
“As actuacións previstas para a casa escola de Ove, que se sitúa pegada ao Camiño, inclúen o pintado exterior, recuperar a carpintería exterior, mellorar a situación do cableado exterior e colocar un canalón na parte de atrás do edificio”.
Vega explica que “esta mellora permitirá manter o exterior desta casa escola en bo estado e dar unha boa imaxe”. De feito, defende que se deben acondicionar e coidar as zonas próximas ao Camiño.
O portavoz do Grupo Municipal Popular traslada o seu agradecemento á Xunta de Galicia por recoller orzamento para investir na mellora de Ribadeo e, neste caso, para mellorar o exterior da escola de Ove.