Na xuntanza participaron responsables da Escudería Mix Rallye Sport, organizadora da proba; así como da Garda Civil, Subsector de Tráfico, Policía Nacional e da Xefatura provincial de Tráfico, ademais de representantes dos seis concellos polos que discorrerá a carreira, e da Xunta. O alcalde de Xove, José Demetrio Salgueiro, o primeiro tenente de alcalde de Viveiro, Jesús Fernández, e o concelleiro de Deportes de Cervo, David Rodríguez, foron algúns dos asistentes, xunto co xefe territorial de Presidencia, responsables da Policía Local, Bombeiros e de Protección Civil de Viveiro; de Protección Civil de Cervo, O Vicedo e Ourol, e un axente de Desenvolvemento Local do Concello de Muras.
Isabel Rodríguez destacou que desde a Subdelegación do Goberno “colaboraremos na seguridade do rally coa participación de axentes da Garda Civil, do Subsector de Tráfico e da Policía Nacional”. A subdelegada pediulle a todos os participantes e ao público que respecten as medidas establecidas pola organización para que o evento transcurra con normalidade e desexoulle aos corredores moitos éxitos deportivos.
A cuarta edición do Rally Mariña Lucense desenvolverase os días 13, 14 e 15 nos concellos de Viveiro, Xove, Cervo, Muras, Ourol e O Vicedo. O día 13 terá lugar a cerimonia de saída e presentación dos pilotos no concello de Viveiro, onde se instalará o parque pechado de traballo no que se farán as verificacións técnicas.
A carreira, que é válida para o Campionato Galego de Rallies, terá 343,57 kilómetros, 106,30 deles cronometrados. A proba disputarase o día 14 e para o día 15 está prevista a entrega de trofeos. Nesta edición son 88 os pilotos inscritos.