Site icon Crónica3.com A Mariña

A salvo catro deportistas tras pasar a noite no barranco Auga Alba de Mondoñedo

Mondoñedo, 30 de maio, 2022. Os catro deportistas, que pasaron a noite no barranco Auga Alba de Mondoñedo ao quedaren sen luz natural e sen capacidade para seguir avanzando, atópanse a salvo.

Coas primeiras horas do día, contra as seis desta mañá, unha compañeira dos deportistas púxose en contacto co 112 Galicia para facilitar as coordenadas de localización e proceder ao seu rescate.

Así, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia, avisouse aos Bombeiros de Barreiros, quen xa coñecían a situación a través da Federación Galega de Espeleoloxía, e enviaban unha dotación de axuda.

Directamente no punto, facilitado polas coordenadas de localización, procederon a sacar os catro deportistas do barranco, quen, se ben presentaban un bo estado de saúde, atopábanse cansos e con frío logo de pasar a noite nesas condicións. Por iso, no mesmo vehículo dos Bombeiros de Barreiros, foron trasladados ao Punto de Atención Continuada do Centro de Saúde máis próximo debido, tamén, á imposibilidade de acceso dunha ambulancia á zona na que se atopaban. Por certo, un lugar escarpado, con grandes desniveis, que mesmo dificultou a saída do camión dos bombeiros, pois quedou embarrado e tivo que ser remolcado polo vehículo 4×4 dos voluntarios de Protección Civil de Mondoñedo.

Ademais dos voluntarios, os efectivos de salvamento e rescate contaron co apoio de varias patrullas da Garda Civil.

Exit mobile version