Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación urxe á Xunta a garantir os servizos sociais e a deixar de gastar na propaganda do Coidados porta a porta

A Deputada de Ecomomía criticou no Pleno que o Goberno galego teña en marcha un programa que é “unha operación propagandística na que o único que interesa é ter 8 autobuses preelectorais en ruta de aquí ao 2023 por Galicia”

Lugo, 31 de maio de 2022. A Deputación de Lugo urxe á Xunta de Galicia a modificar o programa Coidados porta a porta e que se poña a traballar para garantir o acceso permanente aos servizos sociosanitarios para toda a veciñanza do rural da provincia de Lugo. Así se acordou no Pleno deste martes a raíz dunha moción presentada polo PSdeG que foi aprobada co apoio do BNG.

A Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Contas, Mayra García Bermúdez, cualificou este programa “dunha nova operación propagandística na que o único que interesa é ter 8 autobuses preelectorais en ruta de aquí ao 2023 por Galicia”. Evidenciou que este aluguer de autobuses “é totalmente innecesario para a prestación duns servizos que se poderían dispensar en espazos habilitados polos concellos, e estamos a falar de que é o 50% do custe do programa: máis de 4M€”.

García Bermúdez manifestou que é “lamentable” que a metade dos 9,5M€ dos fondos europeos se dediquen ao aluguer de vehículos e á publicidade. “Cóstanos a todos 7.000€ á semana o aluguer de cada autobús cando temos locais nos municipios baleiros que se poden destinar a este servizo, un feito que abarataría os custes e o que axudaría a ter programas cun carácter máis periódico e a que se manteñan no tempo, porque nós non queremos que este tipo de servizos duren o que duran as campañas electorais”.

Especificou, así mesmo, que o programa non amplía a prestación de servizos sociais xa que só fai unha consulta de diagnose previa, sen garantir a atención se hai un problema ao que facer seguimento. A Deputada explicou que “non concordamos cun programa que pensa na propaganda e non na defensa da calidade e a universalidade dos servizos públicos”, e insistiu en que “a atención ten que estar garantida dun xeito continuado”.

García Bermúdez pídelle á Xunta que “tome nota da filosofía dos centros de atención a maiores da Deputación e converta a atención sociosanitaria nunha fonte de emprego para o rural, apostando pola contratación de equipos sociosanitarios formados por persoas do rural coa capacitación necesaria”.

Cesión de estradas a Guntín e Begonte
O Pleno tamén aprobou a cesión de dous treitos de dúas estradas de titularidade provincial aos concellos de Guntín e Begonte. Unha decisión que foi acordada logo de que as dúas administracións locais solicitasen a titularidade.

No caso do Concello de Guntín, a Deputación cede un treito da estrada LU-P-2405 entre os puntos quilométricos 8,433 e 9,004. E no caso do Concello de Begonte, aprobouse o cambio de titularidade do tramo da estrada provincial LU-P-0801 dende o punto quilométrico 0,000 ao 0,475.

Exit mobile version