A institución provincial estará presente cun expositor sobre os recursos e o patrimonio lucense, e tamén para establecer contacto con empresas, produtores, entidades públicas e privadas, e público en xeral
Lugo, 2 de xuño de 2022. A institución provincial estará presente cun expositor sobre os recursos e o patrimonio lucense, e tamén para establecer contacto con empresas, produtores, entidades públicas e privadas, e público en xeral
O Deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, asistiu este xoves ao acto de inauguración da XLIV edición da Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, en Silleda. Unha cita que se celebrará ata o vindeiro domingo no recinto feiral da localidade pontevedresa.
A institución provincial conta cun expositor para a promoción dos recursos enogastronómicos e turísticos da provincia de Lugo co obxectivo de achegarse a máis público e dar a coñecer o patrimonio dos 67 concellos lucenses. García Pernas destaca a importancia desta cita como “escaparate para promocionar Lugo e os seus produtos, e tamén para establecer contacto con diferentes empresas, produtores, entidades públicas e privadas, e público en xeral”. Subliña o Deputado o alcance que sempre tivo esta feira, que nesta edición volve co obxectivo de recuperar cifras e o carácter multisectorial que tiña antes da pandemia. Conta con 693 expositores de 9 países, onde están representadas 267 firmas de 24 países.
Coa súa presenza neste evento, a Deputación busca atraer ao maior número de persoas á provincia, potenciando a gastronomía como motor para a recuperación do sector primario e turístico, e para impulsar a economía tras a pegada da pandemia. A Deputación promove un turismo de proximidade, de calidade e non masificado e que permite unha mellor conservación do patrimonio.
Ademais, o Deputado destaca a relevante vinculación que a feira ten co sector primario. “Dende a Deputación estamos a traballar desde hai tempo para aproveitar os recursos dunha provincia cun potencial enorme no campo, impulsando da man do propio tecido produtivo e tamén da Universidade proxectos innovadores que melloran a competitividade e a produtividade do sector baixo criterios de sustentabilidade”. De feito, detalla García Pernas, a institución provincial conta co primeiro centro público experimental de Galicia formación e investigación do sector lácteo na finca Gayoso Castro, en Castro de Rei. Un lugar no que se aposta pola innovación no sector primario e a prol do desenvolvemento do rural, que se complementa cun Centro de Recría público que supón un significativo aforro aos gandeiros e gandeiras da provincia.
Presenza en feiras
A Deputación de Lugo impulsa a promoción da provincia a través da súa presenza en feiras de turismo e multisectoriais. No mes de xaneiro a institución provincial deu a coñecer o seu proxecto turístico en Fitur, a gran cita turística nacional. Tamén contou con expositor propio na Feira BioCultura, na Coruña; na Feira Expocidades, en Ferrol; en Xantar, en Ourense; en Termatalia, en Ourense; en Turexpo, en Silleda; ou Fairway, en Santiago, entre outras citas. Ademais, a Deputación é unha das principais colaboradoras das feiras que se celebran na provincia para proxectar e poñer en valor os produtos autóctonos e que son sinais de identidade do territorio e medio de vida de moitos veciños e veciñas.