Lugo, 5 de maio de 2022. A Deputación de Lugo investirá 363.000€ para continuar coas melloras da estrada provincial LU-P-4401, que conecta Pastoriza e Muimenta pola parroquia de Reigosa. A Xunta de Goberno vén de aprobar a licitación destes traballos, que comprenden o inicio da vía ata o punto quilométrico 1,550. Unha vez iniciadas as obras, o prazo de execución é de 3 meses.
Esta actuación contempla a dotación de novas beirarrúas nas marxes da estrada, rehabilitación do firme, sinalización mediante marcas reflexivas brancas e melloras na iluminación coa reposición de elementos. Estes traballos complementan os xa iniciados nesta vía para arranxar, por tramos, o pavimento de preto de 11 quilómetros e renovar a pintura de toda a estrada por un importe de máis de 300.000€, o que redundará na mellora da comodidade e seguridade da vía.
O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, subliñou que esta é unha estrada “moi empregada pola veciñanza dos concellos da Pastoriza, Cospeito e Castro de Rei, pero tamén polas persoas que se desprazan pola comarca chairega”. Engadiu que esta actuación beneficiará tamén aos usuarios e usuarias das instalacións deportivas ás que dá servizo, como o polideportivo e as piscinas municipais da Pastoriza ou o campo de fútbol do Acebreiro.
Máis de 17M€ na Terra Chá
A Deputación de Lugo leva investidos desde o inicio do mandato máis de 17M€ en infraestruturas viarias na Terra Chá a través de varias liñas de actuación. Dos 4.200 quilómetros da rede de estradas provinciais, a máis longa de toda España e tres veces maior ca da Xunta de Galicia na provincia, máis de 650 quilómetros percorren esta comarca, repartidos en 139 vías. Discorren polos municipios de Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Meira, Muras, A Pastoriza, Pol, Vilalba e Xermade.
A institución provincial actúa nas estradas da comarca con proxectos de mellora, a través do Plan Único, cos medios propios do Parque Móbil e tamén con cargo ao Plan Provincial de Conservación de Estradas.