O Presidente provincial asinou co vicepresidente do Colexio de Graduados Sociais de Lugo un convenio por 25.000€ para financiar esta prestación, a través da que se está atendendo á veciñanza da provincia en situación de vulnerabilidade e, nos últimos meses, tamén a ucraínos que abandonan o seu país pola guerra
Desta prestación, a cargo dun equipo de 92 profesionais do Colexio de Graduados Sociais, benefícianse cada ano máis de 70 persoas. Tal e como apuntan desde o colectivo, o principal obxecto de consulta durante o 2021 foron cuestións relacionadas coas novas circunstancias laborais, relacionadas cos dereitos profesionais, salario, duración da xornada laboral ou problemas que teñen que ver coa conciliación.
O Presidente da Deputación destacou que este servizo profesional de orientación en materia sociolaboral contribúe “de maneira importante á xustiza social e á igualdade, uns valores cos que nesta institución estamos firmemente comprometidos e que intentamos favorecer de xeito transversal en todas as accións do Goberno, e máis agora polas especiais dificultades provocadas pola pandemia e a invasión de Ucraína”.
Ademais da calidade da prestación ofrecida polo Colexio de Graduados Sociais, José Tomé puxo en valor a axilizade deste servizo, que resolve as consultas dos usuarios e usuarias en menos de dous días. Tamén remarcou o esforzo que están a facer nestes últimos meses para atender peticións de información e asesoramento que fan tanto as persoas desprazadas dende Ucraína por causa da invasión rusa, de xeito individual ou a través das ONG, como as entidades que lles prestan apoio.
Nesta liña, o Presidente da Deputación fixo fincapé na importancia de continuar prestando este servizo a persoas con dificultades económicas ou en situacións de vulnerabilidade que carecen dos medios necesarios para acceder a un asesoramento xurídico. “Ante situación derivada da Covid-19 e da invasión de Ucraína é preciso que desde as administracións públicas cooperemos co resto de entidades para responder da mellor maneira posible ás necesidades da veciñanza e dos desprazados dende o leste de Europa”.
Funcionamento
O Colexio Oficial de Graduados Sociais de Lugo traballa de forma coordinada cos departamentos de Servizos Sociais de todos os concellos da provincia que lle trasladan a esta entidade as diferentes consultas dos usuarios e usuarias.
As persoas interesadas en empregar este servizo poden solicitar unha cita previa expoñendo o motivo da consulta e a zona da provincia cubrindo o formulario colgado na páxina web deste entidade –https://graduadossocialeslugo.com/-. Posteriormente establecerase unha data para a reunión na sede do Colexio ou nas diferentes oficinas habilitadas en cada partido xudicial.
Entre as cuestións que se poden consultar figuran xestións relacionadas con estranxeiría, prestacións da Seguridade Social, xubilacións, viudedade, orfandade, pensións non contributivas, reclamacións salariais, dereitos ou deberes na relación laboral, entre outras cuestións xurídico-administrativas.