Ribadeo, 19 de mairo, 2022. Cando desde o BNG dicimos que a cultura é un dereito non pretendemos defender unha idea xenérica e baleira de contido. A cultura, nomeadamente a lingua, son a expresión de como nos vemos e sentimos, de como entendemos o mundo e como nos mostramos ante el. Corenta anos de ditadura aldraxando a lingua e cultura galegas non pasan en van. E políticas negadoras do noso, sobre todo co galego, do Partido Popular no goberno, tampouco. Corenta anos de democracia nos que houbo que ir arrincando pequenas conquistas con moita suor e esforzo non dan compensado a pesada laxe de séculos de negación da nosa identidade. Só o esforzo desde a base poderá dar a volta a tal situación.
O sector da cultura ten unha relevancia económica no conxunto da economía da nosa nación semellante á de sectores como a pesca (2% do PIB) ou da industria agroalimentaria (tamén un 2%). A nivel de emprego supón o 3% do total (aínda que bastante atomizado, fronte a outros sectores económicos) e move uns 1.100 millóns de euros. Investir en cultura, ademais de nos formar como persoas libres e cultas, ten consecuencias económicas claramente positivas. Pero tras a crise económica de 2008, e posteriormente tras o parón xerado pola COVID-19, o gasto consolidado da Xunta de Galicia en cultura caeu até un 0,65% do orzamento total. Se ademais se dedica a dar a coñecer artistas de fóra, no canto de promocionar a nosa grande variedade creativa, ben claro nos queda o pouco que aposta o goberno do PP pola nosa cultura. O programa de actuacións musicais do Xacobeo é un claro exemplo disto que estamos a comentar.
O traballo político do BNG alí onde acadou responsabilidades de goberno sempre estivo encamiñado a defender e potenciar, con propostas construtivas e dinamizadoras, a nosa lingua e cultura. Aínda que a lectura, ou a música, o teatro, a danza, ou calquera outra actividade creativa, poidan ser un pracer en si mesmas, tamén lemos, ou participamos no mundo das artes escénicas e musicais activamente ou como espectadores e espectadoras, para pór en valor as nosas festas, a nosa gastronomía, a nosa paisaxe e arquitectura, a nosa artesanía e os nosos oficios, os nosos produtos locais, a ecoloxía… O país enteiro.
Desde que o BNG tomou as rendas do concello de Ribadeo, o goberno municipal leva a cabo unha política encamiñada a poñer en valor o propio e dinamizar a vida da nosa vila e parroquias e converternos en referente comarcal a un e outro lado da ría de Ribadeo. A nosa aposta polo mundo da música e da danza a través da Escola Municipal de Música e Danza é notoria. Son xa moitas xeracións que se formaron nela. Houbo quen continuou estudos artísticos e quen se formou noutros ámbitos laborais. Agora ben: todos eles notaron na súa vida académica a importancia de ter formación musical. A afección polo teatro segue a desenvolverse, e Ribadeo é un escenario no que podemos gozar da arte dramática e compartir con actrices e actores as vivencias de mil e un personaxes, podemos coñecer as apostas máis anovadoras da danza e participarmos da vida da Banda de Música Municipal de Ribadeo. Podemos coñecer ás mulleres e homes do mundo das letras ben cando visitan as nosas “Letras no Campo”, ou cando se achegan aos nosos centros educativos, ou cando se realizan recitais poéticos.
Tal e como, cada vez que hai un evento deportivo de envergadura, as nosas rúas énchense de xente, ao organizarmos actividade cultural tamén chamamos a atención da nosa veciñanza e de moitas persoas de fóra que teñen Ribadeo como un referente para visitar. Ben sexa no Indiano, cando se celebran concertos de jazz, ou rock ou folk, ou damos a coñecer a nosa propia actividade cultural (Coral Polifónica ou Banda de Música, etc.), quen nos visita sabe que vai poder gozar dunha intensa vida cultural. E ve como algo normal que lle mostremos o noso saber facer. É que vén precisamente para coñecelo! Para gozar da nosa paisaxe, da nosa gastronomía, da nosa hospitalidade, da nosa vida cultural.
Imaxínanse vostedes visitando Sevilla e agardando ver muiñeiras e lacón con grelos?! Pois claro que non! No en tanto, hai quen se queixa de que mostremos o noso, hai quen mostra unha actitude apoucada dicindo que hai que lle mostrar á xente que nos visita o que xa pode ver na súa terra. E iso non ten sentido. Queixarse de que se promocione o libro galego é como queixarse de que en Sevilla fagan a Feira de Sevilla e en Barcelona che ofrezan pan amb tumaca.
Mantendo a nosa actividade cultural damos vida á nosa vila e parroquias, e tamén ás xentes do mundo da cultura: da música, do teatro, da danza, do libro; damos vida a un feixe de persoas que dan forma a esa actividade desde as artes gráficas, desde o mundo do deseño de interiores, o son, as imprentas… Un 2% do PIB galego, case o 3% do emprego. Quen sabe de economía e cultura considera que se debería dedicar até un 2% do gasto orzamentario en actividade cultural, e non o 0,65% que dedica a Xunta. Desde o concello de Ribadeo, desde os distintos concellos nos que temos responsabilidade de goberno, e tamén desde as Deputacións, temos que apostar por ir superando cada vez máis esa cifra tan ridícula. Pero dedicándoa a promocionar o noso.