Site icon Crónica3.com A Mariña

A Asociación Camiño do Mar percorreu a terceira etapa do “Concello a Concello”

A Mariña, 24 de maio, 2022. Terceira etapa do “Camiño do Mar, Concello a Concello” que desenvolve a Asociación Camiño do Mar co obxectivo de divulgar e dar a coñecer o percorrido do Camiño de Santiago ao seu paso polos concellos das comarcas da Mariña, Ortegal e Ferrolterra.

A terceira etapa transcorreu entre os concellos de Foz, Burela e Cervo. Cun percorrido dun 23 km. Saíron desde a igrexa de Santiago de Fazouro, en Foz, á beira da ponche vella de Fazouro, ás 9.15 horas, para chegar ao parque Reina Sofía de San Cibrao, sobre as 14:30 horas.

Nesta ocasión o grupo viuse mermado xa que había bastante xente que estaba apuntada para realizar a andaina do Vicedo, pero non quita para que os que non puideron realizar esa etapa, solicitasen os track do percorrido para podela realizar outro día. Esta etapa foi moi bonita pola paisaxe e as vistas que se gozan no seu percorrido e tamén porque unha gran parte del realízase por camiños de terra, que agradecen as articulacións e pés dos peregrinos.

Agradecer as colaboracións que brindan os concellos, os seus alcaldes e concelleiros neste proxecto que está a servir para dar a coñecer e divulgar o percorrido do camiño de peregrinación que se seguía en tempos pasados, hoxe coñecido polo nome do Camiño do Mar.

A asociación transmite publicamente o agradecemento á colaboración prestada polo concello de Burela, ao seu alcalde, Alfredo Llano e o seu concelleiro de turismo Ramiro Rey, quen estivo esperando na igrexa da Vila do Medio para poder ensinar o seu interior. Ao mesmo tempo agradecen ao concello de Cervo, ao seu alcalde, Alfonso Villares e ao seu concelleiro de turismo, David Rodríguez, por estar pendente dos participantes e o seu recibimento en Sargadelos e no final de etapa, en San Cibrao. Grazas aos concellos pola súa implicación en dar a coñecer o patrimonio cultural que supón o camiño de Santiago, chamado Camiño do Mar.

As credenciais desta etapa seláronse en Foz, lugar de saída, en Burela, lugar de paso, e en Cervo, como final de etapa.

A seguinte etapa será o vindeiro domingo día 29/5/22. Transcorrerá o seu percorrido polos concellos de Cervo, Xove e Viveiro. Sairase desde o parque Reina Sofía de San Cibrao, dirección Xove, atravesarase ata chegar a Viveiro.

Para esta etapa cóntase coa colaboración do Concello de Cervo, Xove e Viveiro.

Para poder apuntarse a realizar o Camiño do Mar poderase realizar da seguinte maneira, entrando en www.caminodelmar.es e enchendo o formulario que aparece, ata cubrir prazas.

Exit mobile version