Foz, 2 de maio de 2022. O Concello de Foz procedeu ao acondicionamento da área recreativa do Bispo Santo antes da tradicional romaxe, que se recupera despois de dous anos de parón por mor do COVID.
O alcalde, Fran Cajoto, pon en valor o traballo da comisión organizadora do festexo: “non é fácil reiniciar o traballo despois dun parón obrigado de dous anos. Están a investir moito tempo para que a festa saia ben e hai que recoñecer o gran esforzo de todos os que compoñen a comisión: este ano, o de volver encontrarnos, vai ser especial”.
O rexedor municipal explica que “o Concello de Foz procedeu á reforma e mellora dos aseos do templete substituíndo as portas que estaban deterioradas, dispoñendo un novo alumeado, acondicionando un camiño de acceso en formigón e reparando as escaleiras de baixada, ademais de colocar novos pasos de madeira para a subida á orquestra e pintando o conxunto. Tamén se acondicionou a explanada mellorando a superficie e as pendentes e reparáronse mesas e bancos na zona de merenda. Non é só para a festa: a área recreativa do Bispo Santo é utilizada a diario por moitas veciñas e veciños que desfrutan do entorno”.
Acompañou ao alcalde na visita aos traballos o concelleiro Carlos García, quen destacou “a importancia das zonas verdes para o proxecto de Foz que estamos a construír, respectuoso co medio ambiente e que incide en achegar ás persoas ao medio natural. Traballamos por un Foz ben coidado”.