Ribadeo, 4 de abril de 2022. A Concellaría de Mocidade organiza unhas xornadas lúdicas que se desenvolverán os días 11 e 12 de abril no parque San Francisco destinadas a nenxs e rapazada entre as 16:30 e as 19:30 horas. Trátase de actividades gratuítas e rotatorias para as que non fai falla inscribirse. Haberá inchables, pista de slot e de skate park, xogo de escapismo, karaoke, máquina de pompas e obradoiros.
A edil Mariluz Álvarez Lastra comentou que “dende a Oficina de Información Xuvenil, da Área de Mocidade do Concello de Ribadeo, queremos dar información das actividades que nestes días de lecer que van ter as nosas rapazas, rapaces e os nosos nenos e nenas xunto coas súas familias o luns 11 e o martes 12”.
A concelleira ribadense explicou que “nesta ocasión retomamos, como sempre víñamos facendo, actividades ao aire libre, que se van desenvolver no entorno do parque de San Francisco e do Cantón desde as catro e media da tarde ás sete e media. Son actividades totalmente gratuítas e rotatorias, con empresas e monitores especializados, nas que non fai falta anotarse; simplemente hai que pasarse por alí e participar naquelas que máis nos gusten. Vamos ter a oportunidade de participar na mini disco, no karaoke, en inchables, nun xogo de escapismo, vamos ter outra vez as pistas de skate e de parkour porque foi algo que tivo moito éxito noutras ocasións que o trouxemos e parécenos importante traer aquelas actividades que aos rapaces e as rapazas lles gustan. Haberá tamén pistas de slot e visitas de personaxes para os máis pequenos, que van ser moi entretidas”.
Álvarez Lastra subliñou que “é unha gran variedade e diversidade, polo tanto non hai unha idade á que poidamos dicir que estas dedicadas. Son actividades para os máis pequenos e tamén para os adolescentes, pero sobre todo son para compartir en familia. Neste tempo de lecer que teñen os rapaces e as rapazas os maiores e as persoas adultas que os acompañen, que estean con eles ou que se pasen por alí tamén poden participar nestas actividades, que consideramos que van ser divertidas e van encher estas tardes”.
A concelleira de Mocidade engadiu que “son actividades totalmente gratuítas e sen necesidade de apuntarse, simplemente hai que ir por alí e participar naquelas que queiran; iranse rotando e haberá que esperar a quenda, como ven sendo habitual en todo o que se fai”.