Site icon Crónica3.com A Mariña

Viveiro presenta o 1° Concurso de Composición de Marchas Procesionais Blas García Liz

Viveiro, 14 de abril, 2022. Este mércores, no Teatro Pastor Díaz de Viveiro, a Banda de Música O Landro de Viveiro, en colaboración co Concello de Viveiro e a Xunta de Cofradías da Semana Santa de Viveiro, presentaron o 1° Concurso de Composición de Marchas Procesionais 2023, que leva o nome de Blas García Liz.

“Un novo pulo á creación cultural, co que promovemos o talento dos compositores e compositoras de toda España. Aproveito estas verbas para agradecer a implicación neste proxecto da Banda de Música O Landro de Viveiro e da Xunta de Cofradías da Semana Santa de Viveiro”, afirmou a alcaldesa, María Loureiro.

“Gustaríame destacar por suposto que con este certame rendemos unha homenaxe a unha figura de grande importancia no noso municipio, Blas García Liz, cuxa recente perda supuxo un duro golpe para a nosa cultura e sobre todo para a Banda Municipal “O Landro”, da que era o seu presidente”, manifestou.

“Este certame pretende homenaxear a súa traxectoria, intimamente ligada co percorrido da nosa banda. Blas implicouse na banda en todos os niveis, primeiro como músico e máis tarde como directivo, pero sempre loitando para que a Banda e, polo tanto, Viveiro, estivesen ao máis alto nivel musical”, engadiu.

Fíxose tamén entrega dun agasallo á Xunta de Cofradías con motivo da estrea da Marcha ‘El beso de Judas’ de David Rivas, composta polo 75 aniversario da ‘Irmandade do Prendemento’.

Exit mobile version