Viveiro, 26 de abril de 2022. O Concello de Viveiro fai balance das iniciativas postas en marcha polo equipo de goberno para traballar pola defensa dos Dereitos da Infancia e a Adolescencia. Estas propostas, coordinadas pola concelleira de Benestar Social, Victoria Baamonde Gómez, buscan que Viveiro sexa recoñecida como unha Cidade Amiga da Infancia por Unicef, unha distinción que precisa resultados na defensa dos dereitos dos nenos, nenas e adolescentes, da participación activa da infancia e na loita contra a súa discriminación.
Nesta liña, o Concello impulsa o Grupo de Participación Xuvenil de Viveiro, cuxo éxito reflíctese no aumento dos seus participantes e iniciativas. Ademais, o Concello de Viveiro traballa neste obxectivo a través dun Consello de Infancia e Adolescencia, así como da participación activa dos seus representantes a nivel político e do persoal municipal en todas as actividades ou sesións formativas propostas dende Unicef.
Neste senso, recóllense as diferentes participacións do Concello de Viveiro nestes actos. O pasado mes de decembro, Lorena Mera Ramil, técnica de atención a cidadanía e responsable da OMIX, formou parte das IV Xornadas Formativas de Cidades Amigas da Infancia de Galicia.
O concelleiro de Educación, Emilio Villarmea, participou na presentación do informe “Recomendacións para a implementación da Garantía Infantil Europea en España dende o Ámbito Local”, o pasado 4 de abril de 2022.
Ademais, a educadora social, Rebeca Rivera Veiga, asistirá hoxe, 26 de abril á presentación do estudo sobre a situación en España, materiais formativos e folla de ruta para a aplicación da nova Lei Integral de Protección da Infancia e a Adolescencia fronte á Violencia (LOPIVI).
Por último mañá mércores, 27 de abril, Victoria Baamonde Gómez, concelleira de Benestar Social, tamén asistirá á sesión de formación ofrecida por Unicef sobre os cambios no proceso de recoñecemento das Cidades Amigas da Infancia.